O BNG solicita a ambulancia 24h. para Marín no Parlamento

Ambulancia
Ambulancia

O BNG presenta unha Proposición non de lei, e varias preguntas, para instar ao Goberno galego a que no novo concurso, para o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 está iniciando, se contemple para o concello de Marín a dotación dunha ambulancia de Soporte Vital Básico as 24 horas do día.

O BNG solicita a ambulancia 24h. para Marín no Parlamento

O transporte sanitario en xeral, e o urxente en particular, é, ao igual que o resto da prestación sanitaria, un servizo esencial, un servizo vital, e como tal debería ser un obxectivo prioritario, para o Goberno galego e para a consellaría de sanidade.

Mais a realidade vai na dirección contraria, a Xunta de Galiza está a optar por un modelo de xestión que mercantiliza a saúde, significa recortes na prestación do servizo e as condicións laborais dos traballadores. Foi deteriorando o servizo, con todas as decisións que foi tomando.

Ao igual que no resto da sanidade se neste momento os usuarios e usuarias non perciben con maior intensidade este deterioro non é pola estrutura deseñada pola Xunta de Galiza, senón pola profesionalidade dos traballadores e das traballadoras.

Até setembro de 2011 o concello de Marín contaba con servizo de ambulancia de soporte vital básico 24 horas, nesa data o 061 recortou á metada o servizo, deixándoo en 12 horas, de oito da mañá a oito da tarde. Foron necesarias moitas reclamacións e a peticións constante da veciñanza da necesidade de aumentar o servizo, para que en xuño do 2016 o Sergas tomara a decisión de aumentar as horas de servizo de ambulancia dun xeito insuficiente, xa que tan só aumentou catro horas, de 12 a 16.

Atopámonos polo tanto que un concello como o de Marín, cunha poboación de máis de 24.000 habitantes non conta con servizo de transporte sanitario terrestre de 12 da noite a oito da mañá. Deixase polo tanto desprotexida á veciñanza durante ese período, toda vez que os vehículos que teñen que acudir teñen que facelo ben desde Pontevedra ou desde Bueu co que significa de aumento nos tempos de resposta.

O BNG ten demandado en varias ocasións a necesidade de que @s veciñ@s de Marín conten co servizo de ambulancia 24 horas, atopándonos coa negativa do Partido Popular. Toda vez que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 está iniciando un novo concurso para o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre é o momento de rectificar esa situación, razón polo que o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presenta a seguinte proposición non de lei para o seu tratamento en comisión:

O Parlamento de Galiza, insta ao Goberno galego a que no novo concurso, para o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 está iniciando, se contemple para o concello de Marín a dotación dunha ambulancia de Soporte Vital Básico as 24 horas do día.

Por outra banda, o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presenta as seguintes preguntas para a súa contestación oral en comisión:

- Vai incluir no novo concurso, para o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 está iniciando, unha ambulancia de Soporte Vital Básico durante as 24 horas do día para o concello de Marín?

- Considera que @s veciñ@s de Marín poden recibir unha atención sanitaria rápida e con garantías, diante dunha patoloxía de gravidade, carecendo de ambulancia en horario de noite considerando que o factor tempo é esencial?

- Vai seguir primando no novo consurso os criterios económicos na vez da calidade asistencial?

O BNG solicita a ambulancia 24h. para Marín no Parlamento