O BNG solicita acceso ao expediente da Festa Corsaria
Lucía Santos manifesta que “contra as declaracións de María Ramallo presumindo de transparencia nos procesos de organización da festa, no portal dixital do Concello non hai ningún tipo de información publicada.”
O BNG vén de presentar por escrito ao Concello de Marín o pasado xoves día 24, unha solicitude para acceder ao expediente da Festa Corsaria.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, manifesta que “contra as declaracións de María Ramallo presumindo de transparencia nos procesos de organización da festa, no portal dixital do Concello non hai ningún tipo de información publicada.”
O BNG solicita acceso ao expediente completo da Festa Corsaria- con informes, facturas, ofertas presentadas, servizos prestados polas empresas adxudicadoras do servizo ou posibles contratos menores- en base ao dereito das persoas concelleiras do goberno municipal, recollido no artigo 77 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, a obter información necesaria para exercer as funcións de control e fiscalización do goberno municipal.
A voceira do BNG indica que “seis días despois de solicitar o acceso ao expediente, non se recibiu resposta algunha.”
Lucía Santos expón que “o BNG non vai quedar cos brazos cruzados e tomará as medidas que sexan precisas ante a postura negativa do goberno de María Ramallo a investigar as irregularidades cometidas pola empresa encargada de organizar e xestionar a Festa Corsaria.”
A portavoz do BNG lamenta que a alcaldesa non abra unha investigación para aclarar o sucedido e só se preocupe de distorsionar a realidade ante un feito tan grave como é contar con persoal para traballar sen ningún tipo de contrato nin cobertura de Seguridade Social, nun evento con gran afluencia de xente como é a Festa Corsaria.