O BNG presenta unha moción para a mellora da Sanidade Pública
O BNG presenta unha moción para frear o deterioro da Sanidade Pública galega a mans do PP, con recortes en recursos e orzamentos, desmantelamento de hospitais comarcais, abandono dos centros de atención primaria, ocultación nas listas de espera, recortes en camas de hospitais ou privatización de servizos.
Moción presentada polo BNG para a mellora da Sanidade Pública galega.
A Corporación municipal do Concello de Marín.está preocupada pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso concello como da Área de Saúde á que pertencemos, como consecuencia da política sanitaria da Xunta de Galicia, presidida por Feixóo, baseada nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na ocultación e manipulación das listas de espera, na precarización e explotación do persoal, recorte de camas hospitalarias, privatización e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres.
Estas políticas levan a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non as paramos entre todxs.
As protestas dos Centros de Saúde, o levantamento da poboación de Verín contra o peche da sala de partos do seu hospital e as protestas de nais e pais contra a falta de pediatras son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria.
Cremos que estamos ante un momento importante, en que a Corporación municipal como representantes do conxunto da cidadanía, indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberiamos traballar conxuntamente para que no noso concello e na Área Sanitaria se poida dispor duns servizos sanitarios públicos de calidade. Non se pode nin se debe admitir a deterioración do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público.
Os municipios da Área de Sanitaria necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.
Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
PRIMEIRO. Apoiar a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, o vindeiro 9 de febreiro en Compostela.
SEGUNDO. Esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa área.
TERCEIRO. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.
CUARTO. Reducir as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención hospitalaria, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos. Publicar as listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación.
QUINTO. Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.
SEXTO. Acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario.
SÉTIMO. Acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.
OITAVO. Plan de Mellora da Atención Primaria, da Saúde Mental e de Atención á Saúde das Mulleres.
NOVENO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal necesario para garantir una atención accesíbel e de calidade.
Comunicar a presente moción da Corporación Municipal de Marín. á Consellaría de Sanidade, ao conxunto da poboación e dar, cos medios posíbeis para o Concello, a máxima difusión ao seu contido.