O BNG de Marín lanza un novo boletín informativo
Xurxo Agra, responsábel local do BNG de Marín, informa que “o BNG ven de editar un novo boletín que recolle o nomeamento de Lucía Santos como candidata do BNG á alcaldía nas municipais de 2023, analiza a negativa situación do noso concello tras 11 anos de goberno do PP e enumera as propostas do BNG que permitirían mudar a tendencia.”
O boletín informativo recolle o nomeamento de Lucía Santos como candidata do BNG de Marín á alcaldía nas eleccións municipais que terán lugar en maio do 2023.
O BNG está moi satisfeito do traballo realizado pola actual portavoz municipal nestes anos, baseada nunha firme, ao tempo que construtiva, oposición á pobre xestión do PP á fronte do Concello. O seu compromiso co BNG e con Marín está sobradamente desmostrado, e ser concelleira desde 2015 outórgalle unha importante experiencia.
Neste boletín o BNG fai unha breve análise da negativa situación na que se atopa o noso concello, tras 11 anos de goberno do PP, que se demostra na importante perda de poboación que sofre Marín nun entorno onde os concellos próximos gañan poboación.
O BNG enumera unha serie de propostas que permitirían mudar a tendencia, como son desenvolver o PXOM, cun modelo urbano definido; apostar con decisión polo comercio local; establecemento de zonas de implantación comercial; elaborar unha programación cultural ao longo de todo o ano; xenerar unha oferta de lecer tanto para a mocidade como para o resto da poboación; atraer turismo todo o ano; e aproveitar os espectaculares recursos naturais, como o Lago de Castiñeiras, e o rico patrimonio natural, etnográfico e arqueolóxico do noso concello.
Amais, tamén se destaca a posta en marcha da campaña “Pensar Marín”, coa que o BNG está levando a cabo un proceso de debate colectivo coa sociedade marinense e cos principais axentes sociais co obxetivo de detectar os principais problemas do noso concello e entre todos e todas procurar as necesarias solucións que a situación esixe.
No marco desta campaña, que aínda está en marcha, o BNG achegouse até os comercios locais, reuníndose con máis de 200 comerciantes, e mantivo xuntanzas cos equipos directivos e ANPAS dos centros públicos do noso concello.
Xa por último, lémbrase que Marín precisa un revulsivo, un goberno coas ideas claras, cun proxecto definido, con iniciativa e ganas de mellorar a calidade de vida da veciñanza, e capaz de impulsar o dinamismo socio-económico do noso concello. Un proxecto como o que o BNG ten implantado con éxito naqueles concellos como Pontevedra ou Allariz, e tantos outros, que hoxe son referencia a nivel mundial.
Para iso, o BNG está a configurar un proxecto ilusionante e ambicioso, integrando a todas aquelas persoas que lle queren a Marín e están dispostas a facer un concello mellor. Un Marín dinámico, vivo e con futuro, un Marín de todos e todas, en definitiva, o Marín co que todos e todas as marinenses soñamos.
Na última páxina temos unha breve entrevista coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na que afirma que o BNG é a alternativa ao PP e o cambio en Galiza está máis preto.