O BNG de Marín inicia unha campaña de afiliación

IMG-7204

Lucía Santos lembra que “a política é o lugar onde actuar para mudar o estado das cousas, e a participación política é fundamental para construir unha sociedade e unhas institucións sanas e democráticas ao servizo das maiorías sociais.”

No BNG recollemos aquela máxima que reza “Pensa globalmente, actúa localmente”, e confiamos en que, co graniño de area que cada quen poida aportar, seremos quen de mudar Marín, Galiza e o mundo no que vivimos. Mellorar a realidade na que vivimos é unha responsabilidade de todos e todas nós.

O BNG de Marín inicia unha campaña de afiliación

O BNG de Marín pon en marcha unha campaña de afiliación coa intención de reforzar o proxecto do BNG, de cara a afrontar o futuro próximo coas maiores garantías para ser o axente principal do cambio que tanto o noso concello como Galiza precisan.

O BNG é a segunda forza no Parlamento galego, con 19 representantes, e o BNG foi a segunda forza nas eleccións autonómicas celebradas o pasado ano no noso concello. Á luz destes resultados, e de todas as enquisas posteriores que se veñen realizando desde o verán de 2020, podemos afirmar sen temor a equivocarnos que o BNG é unha forza política á alza.

Mais a nosa organización non se creou para conformarse con ser líderes da oposición. O BNG naceu coa firme intención de converterse nun proxecto maioritario no noso País, para así poder introducir as mudanzas precisas de cara a mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas, como así estamos facendo nos concellos onde gobernamos.

É por iso que no BNG de Marín imos levar adiante unha campaña de afilización que nos permita reforzar o proxecto para encarar os retos que Marín ten por diante, que non son menores. E para isto precisamos da intelixencia colectiva, do compromiso e da participación directa de todas as persoas que queiran ser protagonistas do cambio de rumbo que necesitamos poñer en marcha.

A Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, lembra que “a política é o lugar onde actuar para mudar o estado das cousas, e a participación política é fundamental para construir unha sociedade e unhas institucións sanas e democráticas ao servizo das maiorías sociais.”

Lucía Santos continúa afirmando que “é preciso construir unha alternativa o máis potente e ilusionante posíbel que nos permita enfrontar o prexudicial proxecto do PP e reverter a negativa tendencia na que se atopa o noso concello desde a chegada de María Ramallo á alcaldía de Marín, cunha constante e ininterrompida perda de poboación, a falta de traballo e de creación de empresas, un comercio local en decadencia e a ausencia de alternativas de lecer para todos os segmentos da poboación, mais dun xeito moi especial para a mocidade.”

“E por outra banda, para construir o País con xustiza social e plena igualdade de todas as persoas, respectuoso co medio ambiente, que a maioría social demanda. Sen esquecer nunca que formamos parte dun planeta onde a solidariedade, a cooperación e o respecto á soberanía dos pobos deben ser o eixo principal no que se fundamenten as relacións internacionais”, continúa a Portavoz municipal.

No BNG recollemos aquela máxima que reza “Pensa globalmente, actúa localmente”, e confiamos en que, co graniño de area que cada quen poida aportar, seremos quen de mudar Marín, Galiza e o mundo no que vivimos. “É por isto que solicitamos a colaboración de todas aquelas persoas disconformes co actual estado de cousas a que se acheguen ao BNG de Marín. Mellorar a realidade na que vivimos é unha responsabilidade de todos e todas nós”, remata Lucía Santos.

O BNG de Marín inicia unha campaña de afiliación