O BNG lamenta a negativa do PP-PSOE a modernizar e dignificar a política local

Lucía Santos

Lucía Santos denuncia o reparto de representantes nas Comisións Informativas, que discrimina ao BNG cun só representante.

Santos lamenta que “propostas encamiñadas a modernizar e dignificar a política local foran rexeitadas polo PP e polo PSOE”

O BNG lamenta a negativa do PP-PSOE a modernizar e dignificar a política local

No primeiro Pleno da nova Corporación Municipal, celebrado onte xoves, o BNG presentou unha serie de medidas encamiñadas a modernizar e dignificar a política local.

A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, manifesta que “lonxe, moi lonxe quedan xa as boas palabras do discurso de investidura da alcaldesa María Ramallo, o pasado 17 de xuño, chamando a tender pontes e á colaboración entre os grupos.”

No Pleno tratáronse diferentes asuntos relacionados coa organización da Corporación Municipal nos vindeiros catro anos, e o primeiro que cómpre salientar é que o BNG resulta gravemente prexudicado co reparto de representantes nas Comisións Informativas.

En 2007 e 2011 as Comisións Informativas estaban constituídas por 8 membros, en 2015 eran 7 e en 2019 o número ampliouse até os 9. A proposta de reducir o número de representantes a 7 nesta lexislatura motivou a queixa do BNG, ao resultar un reparto de 4 representantes para o PP, 2 PSOE e tan só 1 para o BNG.

O BNG fixo 3 propostas diferentes que deixarían un reparto xusto, con Comisións de 5 membros (3 PP, 1 PSOE, 1 BNG), 8 membros (4 PP, 2 PSOE, 2 BNG, co voto de calidade do PP que aseguraría a súa maioría) ou manter a da pasada lexislatura de 9 membros (5 PP, 2 PSOE, 2 BNG).

O PP defendou como única posibilidade a configuración das Comisións con 7 membros, pechándose en banda a valorar calquera outra opción, e finalmente aprobouse cos votos favorábeis do PP e do PSOE.

Lucía Santos manifesta que “se sorprendente foi a postura do PP, negándose en redondo a valorar calquera alternativa que proporcionara un reparto xusto, resultou decepcionante ver como o PSOE votou a favor da mesma, apoiando deste xeito a discriminación do BNG nas Comisións.”

Por outra banda, a distancia do discurso de investidura da Sra. María Ramallo co visto onte no Pleno non se limitou tan só ao fondo do debate, senón que tamén se puido constatar nas formas empregadas polo Tenente de Alcalde Manuel Santos, que “amosou unha chamativa impertinencia e unha falta de respecto polo grupo do BNG desde a súa primeira intervención” en palabras da portavoz do BNG.

Noutra orde de cousas, o BNG presentou unha proposta para reducir o número de Comisións Informativas, das 7 actuais e tan só 3. Lucía Santos afirma que “con esta proposta, coa que o BNG pretendía racionalizar o funcionamento da administración local, reduciriase o número total de representantes nas comisións de 49 a 21, coa redución conseguinte das asignacións económicas, e reduciriase tamén a carga de traballo do funcionariado.” A proposta foi rexeitada por PP e PSOE.

Outra proposta presentada polo BNG pasaba por outorgar aos grupos da oposición unha adicación a unha persoa de cada grupo, que podería ser exclusiva ou parcial. En palabras de Santos “todos os Grupos Municipais deben dispoñer dos medios necesarios para desenvolver o seu traballo. Os concelleiros e concelleiras da oposición tamén representan á veciñanza polo que deben dispoñer dos medios necesarios para facer o seu traballo.” Mais igual que nas anteriores propostas o PP e o PSOE tamén se negaron. Cómpre lembrar que no concello de Pontevedra, o PP, na oposición, ten 3 adicacións exclusivas e 2 postos eventuais de persoal de confianza; e o PSOE, tamén de momento na oposición, 2 e 2.

Santos lamenta que “propostas encamiñadas a modernizar e dignificar a política local foran rexeitadas polo PP e polo PSOE”, e engade que “o que onte quedou claro é que para o PP a dignificación da política local redúcese á dignificación do seu grupo. Á luz do visto onte no Pleno, todo parece indicar que esta vai ser unha lexislatura moi diferente á anterior.”

*Consulta a proposta: https://www.calameo.com/read/007363562906407ecd437 

O BNG lamenta a negativa do PP-PSOE a modernizar e dignificar a política local