O BNG solicita ao goberno local a plena accesibilidade dos colexios electorais o 23X
Lucía Santos afirma que “a accesibilidade universal é un dereito básico para que todas as persoas poidamos participar en igualdade na sociedade.”
E lembra que “nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio atopámonos, lamentabelmente, con que non todos os colexios electorais estaban adaptados para facilitar o exercicio do dereito ao voto para as persoas con discapacidade ou con problemas de mobilidade, e isto é responsabilidade do goberno local.”
No Pleno celebrado o pasado 22 de xuño, para a designación, por sorteo, dos membros das mesas electorais, a Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou que se garanta a plena accesibilidade dos colexios electorais na xornada do 23 de xullo, cando se celebrarán as vindeiras eleccións xerais.
Lucía Santos afirma que “a accesibilidade universal é un dereito básico para que todas as persoas poidamos participar en igualdade na sociedade.”
A Portavoz do BNG manifesta que “as eleccións son un momento moi importante no funcionamento da nosa sociedade, no que a cidadanía ten a oportunidade de escoller os/as seus/súas representantes, polo que cómpre facilitar a participación de todas as persoas.”
E lembra que “nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio atopámonos, lamentabelmente, con que non todos os colexios electorais estaban adaptados para facilitar o exercicio do dereito ao voto para as persoas con discapacidade ou con problemas de mobilidade, e isto é responsabilidade do goberno local.”
O exemplo máis salientábel foi o que aconteceu no colexio electoral situado no pavillón de deportes do Instituto Illa de Tambo, onde 2 apoderadas do BNG tiveron moitas dificultades para acceder e saír do mesmo, dada a existencia dun escalón dunha importante altura.
Lucía Santos afirma que “temos que camiñar cara unha sociedade onde todas as persoas poidamos participar en igualdade. É un dereito, polo que a participación de persoas con discapacidade ou mobilidade reducida non pode depender de favores ou actos de caridade. Cómpre dar pasos para que todos e todas poidamos desfrutar dunha vida digna.”
Amais, o BNG deu traslado á Xunta Electoral nestes pasados días do acontecido no colexio electoral do pavillón Illa de Tambo para que se tomen as medidas precisas para que situacións tan desagradábeis como estas non se volten repetir.