O BNG lamenta a falta de apoio do PP á manifestación en defensa do mar
Dende o BNG animamos á veciñanza a asistir á manifestación que sairá dende a Alameda de Santiago de Compostela ás 12h da mañá, este domingo 21
No pleno municipal celebrado o pasado xoves 11 de xaneiro, o BNG solicitou ao grupo de goberno do PP o apoio do Concello de Marín á manifestación nacional en defensa do mar, que terá lugar en Compostela este domingo 21 de xaneiro.
A voceira do BNG, Lucía Santos, requeriu a María Ramallo poñer a disposición da veciñanza o uso dun autobús, ademais de dar difusión á manifestación e facer un chamamento a participar da mesma.
Así, a resposta da alcaldesa foi negativa, polo que Lucía Santos lamenta que María Ramallo simplemente se limitou a tomar nota, mais a día de hoxe o goberno municipal non amosou interese en apoiar o acto, que está organizado por diversas entidades representativas do sector do mar e colectivos ecoloxistas.
O sector do mar fai un chamamento a asistir a Compostela baixo o lema “En defensa do noso mar”, para denunciar a crise produtiva que veñen arrastrando nos últimos anos nas rías galegas, ademais da protesta pola resposta das administracións pola xestión realizada ante a crise do granulado que está contaminando o noso litoral.
Pese a falta de compromiso do goberno do PP coa xente do mar, o BNG anima á veciñanza de Marín a asistir á manifestación que sairá dende a Alameda de Santiago de Compostela este domingo 21 de xaneiro ás 12 da mañá, e existen autobuses dispoñíbeis dende as localidades de Cangas e Moaña, onde os gobernos municipais poñen transporte a disposición para poder asistir a defender os intereses da xente do noso mar.