O BNG insiste en aproveitar as minas de auga do monte Gagán para afrontar a escaseza de auga
Lucía Santos manifesta que “cómpre buscar solucións canto antes e evitar que a veciñanza quede sen un servizo básico e esencial como é a auga”, e lamenta “a parálise do goberno local neste tema.”
Santos instará ao goberno de María Ramallo a “unha xestión óptima da auga ao longo de todo o ano por parte do Concello, con atención especial a toda a infraestrutura como son os depósitos e tuberías para evitar a perda de auga, solicitar ao Ministerio de Defensa a cesión das minas de auga, e levar a cabo campañas para sensibilizar á veciñanza do uso responsábel da auga.”
Debido á seca que vimos padecendo durante este ano por falta de chuva, a Xunta vén de declarar o estado de prealerta na provincia de Pontevedra polo baixo caudal de auga no río Lérez, do que se abastecen numerosos concellos da provincia.
Por tal motivo o goberno local, do mesmo xeito que outros moitos concellos, ven de publicar un bando municipal informando da imposición de restricións do consumo de auga da rede municipal, para tentar mitigar na medida do posíbel as consecuencias da falta de auga, medidas que o BNG considera necesarias.
Mais dito isto, cómpre lembrar que no ano 2017 Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, solicitou ao goberno local a elaboración dun estudo para levar auga ás parroquias que cada ano viñan padecendo problemas nos meses de verán, como son Seixo, Santomé, Ardán ou San Xulián.
Lucía Santos manifesta que “resulta chamativo que nestas parroquias precisamente existan minas de auga que poderían abastecer ás mesmas.” Na parte alta da parroquia de Santomé, no monte Gagán, atópanse arredor de 42 minas de abundante auga, que no seu día foron apropiadas pola Escola Naval Militar e na actualidade non están sendo aproveitadas.
Aínda que existe un convenio dende o ano 2003 no que a E.N.M. cede unha parte de excedente de auga ao depósito de A Costa para abastecer de auga á veciñanza de Marín, Lucía Santos considera que “na actualidade a institución militar non precisa tal cantidade de mananciais, e moita auga desperdíciase, polo que o lóxico sería que estas minas de auga pasaran a ser municipais para poder dar servizo á veciñanza de Marín.”
A portavoz municipal do BNG considera que “Marín non pode continuar permitíndose o luxo de mercar auga a Pontevedra mentras nos montes do noso concello existen grandes cantidades de auga que se están desaproveitando, e o que é máis grave, cando aínda hai parroquias que non dispoñen do servizo de auga municipal e teñen que abastecerse de pozos artesanais ou pequenas traídas de auga.”
Do mesmo xeito, no 2021 o BNG solicitou a adhesión do concello de Marín ao proxecto de Augas de Galiza de autoxestión das augas para reforzar as traídas veciñais e así garantir o subministro de auga a todos os núcleos rurais que non contan con servizo municipal.
Lucía Santos lamenta que “o goberno do PP non fixo nada durante estes anos para tentar dar solución a unha problemática que viña producíndose en determinadas parroquias do noso concello nos meses de verán, e que todo apunta a que se agravará nos vindeiros anos como consecuencia da aceleración do cambio climático.”
É por todo isto que Santos manifesta que “cómpre buscar solucións canto antes e evitar que a veciñanza quede sen un servizo básico e esencial como é a auga”, polo que instará ao goberno de María Ramallo a “unha xestión óptima da auga ao longo de todo o ano por parte do Concello, con atención especial a toda a infraestrutura como son os depósitos e tuberías para evitar a perda de auga, solicitar ao Ministerio de Defensa a cesión das minas de auga, e levar a cabo campañas para sensibilizar á veciñanza do uso responsábel da auga.”