O BNG celebra a rectificación lingüística no castro da Subidá
Lucía Santos afirma que “nos gustaría que tamén se corrixiran as actuacións realizadas no castro, mais dende o BNG celebramos a rectificación que se vai levar a cabo no relacionado coa lingua.”
O pasado 23 de abril, Lucía Santos, Portavoz Municipal do BNG de Marín, solicitou á Presidencia da Deputación de Pontevedra a substitución dos paneis informativos que foron colocados no Castro de A Subidá, nos que se mostra a información do castro en lingua castelá na parte dianteira dos paneis e pola parte traseira, totalmente oculta e inaccesíbel, atópase a información nos idiomas galego e inglés.
Ante esta absoluta falta de respecto ao idioma galego, o Deputado delegado de Réxime Interior, Economía, Facenda e ORAL, Carlos López Font, recoñeceu o grave erro cometido e dende a Deputación de Pontevedra deu traslado ao Ministerio de Fomento quen, en convenio coa Deputación, levou a cabo o proxecto de restauración e musealización no Castro de A Subidá, para a retirada e posterior reposición dos paneis informativos co idioma galego ocupando o espazo que merece a lingua propia de Galiza.
Ademais disto, Lucía Santos volveu manifestar á Deputación de Pontevedra que “as obras realizadas no Castro de A Subidá no denominado proxecto Trazas de Pontevedra I, supuxeron actuacións invasivas e pouco respectuosas co xacemento, modificando a imaxe coa utilización de elementos como formigón, enlousado no chan arredor do castro, bancos de pedra serrada con gravado da palabra “look” ou o axardinamento da ladeira do monte, accións que pouco teñen que ver coa restauración do castro e a súa contorna.”
A Portavoz Municipal do BNG de Marín define as actuacións levadas a cabo no castro como “un completo despropósito, tanto o que se refire aos traballos no propio castro como o desprezo á lingua galega nos paneis informativos, incumprindo a lei de normalización lingüística.”
“Gustarianos que tamén se corrixiran as actuacións realizadas no castro, mais dende o BNG celebramos a rectificación que se vai levar a cabo no relacionado coa lingua”, remata Lucía Santos.