O BNG aposta pola cultura, o patrimonio e a lingua
Lucía Santos afirma que “impulsar unha actividade cultural de calidade, recuperar e poñer en valor o patrimonio, a historia e a memoria de Marín, e revitalizar e potenciar a nosa lingua" serán eixos fundamentais da política do BNG no Concello.
Cultura
A actividade cultural municipal é imprescindíbel para revitalizar o Concello. Pese a isto, a cultura galega non ten un desenvolvemento autónomo o cal se exemplifica no Concello de Marín nunha falta da planificación dos contidos culturais. Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín, afirma que “esta situación debe mudar, polo que o BNG ten como obxectivo impulsar unha actividade cultural de calidade integrada coas distintas asociacións que veñen desenvolvendo actuacións neste ámbito.” Propostas do BNG en materia de cultura:
1. Deseño e coordinación dun programa cultural anual de interese para todos os públicos e cunha cobertura espacial ampla achegando as actividades culturais as distintas parroquias.
2. Creación dunha praza de técnico municipal de xestión cultural.
3. Integración do novo Centro Cultural na Rede Galega de Teatros e Auditorios con programación (de obras de teatro, danza, concertos, etc…) estable e ao longo do ano.
4. Integración e coordinación da política cultural con outros departamentos municipais de distintos ámbitos (festas, ensino…).
5. Procurar sinerxias con outras institucións:
a. Cooperación no marco da Área Territorial Urbana de Pontevedra e da Comarca do Morrazo, para a organización de programación e actividades conxuntas.
b. Cooperación e coordinación interinstitucional: Deputación de Pontevedra, Xunta de Galiza.
c. Colaboración co tecido cultural galego como poden ser: Asociación Galega de Editoras (AGE), Federación de Librarías de Galicia, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).
d. Organización de actos conxuntos con fundacións e asociacións de referencia como poden ser: Fundación Rosalía de Castro, Fundación Castelao, Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega.
6. Convenio municipal co Cine Seixo co fin de potenciar o seu uso e evitar a súa desaparición.
7. Promoción dos grupos locais, as artes escénicas, teatro, danza e outras expresión artísticas, incentivando a creación e facilitando a participación dos mesmos nas actividades organizadas polo Concello.
8. Potenciación de actividades no auditorio da Finca de Briz – Parque dos Sentidos.
9. Análise conxunta coa entidade mediadora/aseguradora da inclusión mediante unha cobertura “paraugas” dentro de póliza de seguro de Responsabilidade Civil do Concello das actividades desenvoltas polas asociacións culturais marinenses (nunha primeira fase non incluidas asociacións, clubes ou actividades deportivas, competicións, etc...), co requisito imprescindíbel de que ditas asociacións culturais teñen que estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
Patrimonio, Historia e Memoria
Lucía Santos manifesta que “a día de hoxe a situación do patrimonio material e inmaterial no noso Concello é de desleixo, abandono e mesmo de agresión en moitos apartados.” Co motivo de recuperar e por en valor o patrimonio a historia e a memoria de Marín, o BNG considera pertinentes as seguintes actuacións.
1. Protección e difusión do Patrimonio e Historia local.
a. Elaboración dun Plan Director de Protección do Patrimonio Municipal de Marín (catalogación, inventariado, estudo e coñecemento do patrimonio histórico#artístico, arqueolóxico, eco-xeográfico, etnográfico, toponímico e de tradición oral).
b. Fomento da investigación e divulgación da historia local como xeito de favorecer a consciencia como pobo.
c. Creación e difusión da man de historiadores e investigadores locais dun Seminario de Estudos sobre Marín.
2. Facer de Marín un espazo cultural:
a. Conformación dunha oferta museística e de actividades diversificada e dinámica, que rompa coa falta de vitalidade que a caracterizou ao longo dos últimos anos.
b. Posta en funcionamento do futuro Centro Socio Cultural – Auditorio.
c. Creación de novos centros expositivos culturais adicionais ao Museo Municipal Manuel Torres e o Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor.
d. Dotar dun espazo axeitado e estable ao Museo do Mar (Asociación Museo do Mar de Marín).
e. "maior implicación nas Xornadas Blanco Freixeiro" e recuperación da Semana do Mar de Seixo
3. Arquivo Municipal:
a. Estudo para unha colaboración co Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.
b. Creación dunha praza fixa de técnico de arquivos.
c. Dotación dun centro de documentación local (fondo dixital de fotografías particulares das familias, empresas…).
d. Creación dun Fondo Local Musical (partituras, coplas de maios,...) cunha sala de investigación.
e. Utilización do Arquivo Municipal como recurso didáctico.
f. Divulgación dos seus fondos para promover o seu coñecemento e valoración por parte da cidadanía.
4. Publicación/reedición por parte do Concello do ibro “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas Quintas.
5. Preservación do Patrimonio Inmaterial facendo fincapé nos nomes dos lugares e a súa correcta sinalización.
6. Aplicación da Lei da Memoria Democrática.
Lingua
A nosa lingua está especialmente ameazada, polo que “a revitalización e potenciación da nosa lingua en todos os ámbitos debe guiar transversalmente as actuacións do Concello” en palabras de Lucía Santos. Os concellos teñen un amplo abano de posibilidades de actuacións no impulso do uso social da lingua que permiten avances palpábeis e moita visibilidade que de ningún modo podemos desaproveitar. Santos engade que “o noso compromiso coa lingua abordarase dende a coherencia persoal mediante a recuperación do proceso de galeguización da administración municipal, concienciación da veciñanza sobre a necesidade de preservar a nosa lingua e a apertura a novos espazos para fomentar o uso do galego.”
1. Constitución dun Servizo de Normalización Lingüística Municipal permanente, reforzando a súa coordinación, planificación e desenvolvemento co persoal técnico necesario.
2. Revisión e aplicación da Ordenanza de Normalización Lingüística do Concello de Marín.
3. Apoio ás publicacións en lingua galega:
a. Negociar coa Federación de Librarías de Galicia a organización dunha feira do libro no noso municipio.
b. Fomentar a publicación de libros en galego con especial fincapé en datas como: o Día de Rosalía de Castro, o Día das Letras Galegas, o Día do Libro, e Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
c. Potenciación dos premios literarios organizados polo Concello de Marín. Conseguir a publicación dos textos premiados.
d. Edición de publicacións en galego (axendas, almanaques, etc), con referencias a distintos elementos patrimoniais e culturais do Concello de Marín.
4. Programación dunha oferta cultural que serva para dar a coñecer e por en valor as creacións en galego no ámbito da música, o audiovisual e o teatro.
5. Colaboración coa Asociación Cultural Correlingua para traer a Marín a carreira Correlingua (actividade de carácter lúdico-educativo).
6. Colaboración cos centros de ensino en actividades de dinamización da lingua.