O BNG preséntase como a alternativa ao PP nun multitudinario acto en Marín

MITIN BNG MARÍN-1072787

Lucía Santos afirma que “no BNG poñemos ás persoas no centro. Cremos firmemente na política como ferramenta de transformación, polo que apostamos por propostas destinadas a dinamizar o noso concello e mellorar a calidade de vida da xente.”

O BNG preséntase como a alternativa ao PP nun multitudinario acto en Marín

Onte mércores o BNG de Marín celebrou un Acto Público na alameda Rosalía de Castro de Marín, ao que asistiron máis de 300 persoas. O acto foi presentado polos candidatos Tino Iglesias e Davinia Lojo, e contou coa brillante intervención musical de A Revolta e Montse Ogando.

Lucía Santos, candidata á alcaldía, manifesta que “a corrente de simpatía cara o BNG é imparábel e a ilusión que desborda esta candidatura e este proxecto vai encher de votos do BNG as urnas o vindeiro domingo 28 de maio”.

Santos engade que “a xente percibe que o BNG ten un grandísimo equipo e que presenta unha folla de ruta clara e concreta para facer de Marín un concello de vangarda.”

Durante a súa intervención Lucía Santos manifestou que “no BNG afrontamos estas eleccións municipais con moita ilusión e enerxía, mais tamén con moita confianza. A confianza que nos dá vir cos deberes feitos, co traballo que levamos realizando nestes 4 anos de lexislatura, así como polo gran equipo que me acompaña. Un grupo de persoas que son un luxo, cunha formación e experiencia envexábel.”

Proseguiu afirmando que “no BNG poñemos ás persoas no centro. Cremos firmemente na política como ferramenta de transformación, polo que apostamos por propostas destinadas a crear un modelo urbano moderno para as persoas, o apoio aos servizos públicos de calidade, a aposta decidida por reter e atraer novas empresas, polo comercio local, por unha programación cultural estable e para todas as parroquias, por unha oferta de lecer ampla e variada, con especial atención á mocidade, pola atracción de visitantes e turismo ao longo de todo ano, porque todo isto terá un impacto directo na xeración de emprego e na dinamización do noso concello, así como mellorará a calidade de vida da xente.”

E rematou lembrando que “o proxecto que transforma as nosas vilas e cidades e mellora a calidade de vida das persoas é o Modelo BNG”

Seguindo este fío, Luís Bará afirmou que os concellos referentes no noso país son todos concellos gobernados polo BNG e lembrou numerosos exemplos, mais destacou dous: Pontevedra e Allariz.

Bará lembrou que “o BNG ten 3 piares fundamentais na súa liña de actuación política: a identidade, cun proxecto asentado no que somos; a equidade, que equivale á igualdade máis xustiza; e o futuro, crer en nós para construír un futuro mellor para todos e todas.”

Rematou afirmando que “o 28 de maio Marín ten a posibilidade de sumarse a todos eses concellos que avanzan votando á candidatura do BNG liderada por Lucía Santos, unha candidatura que está facendo unha espectacular campaña en positivo, con propostas, e que xenera unha enorme ilusión, como se pode ver hoxe aquí.”

Pola súa banda o candidato José Souto afirmou que “Somos unha forza que dará un cambio de rumbo a este Marín que vai a menos, que vai en declive perdendo poboación, perdendo forza institucional, un Marín, que estou seguro que todos e todas queremos que creza e mellore e sexa un referente. Estou convencido do potencial que temos como concello. Podemos dar un salto de calidade enorme.”

E a continuación falou de Lucía Santos e o proxecto que lidera manifestando que “Lucia represéntame. Sinto que é unha persoa honesta, noble e loitadora, cun perfil aberto de diálogo, da xente, do municipio, responsable e tranquila. A persoa que sempre nos di que aquí non vimos discutir, vimos a aportar propostas para mellorar a vida da veciñanza. O conflito non nos representa. Somos o BNG do si.”

Xa por último, Celia García lembrou que “Marín merece unha sanidade consolidada e cuberta, onde a veciñanza teña atención inmediata nas urxencias, e que tamén implica a creación de postos de pediatría, fisioterapia ou psicoloxía clínica, dando a importancia que se merece á problemática da saúde mental, a lacra que golpea silenciosamente a toda a sociedade galega e que xa é a principal causa de morte entre a mocidade deste país, porque coa nosa saúde e a das nosas familias non se xoga, temos que defendela.”

García manifestou que “o BNG de Marín pensa na mocidade, en min, en vós, nas vosas fillas, nas crianzas. Comeza un tempo no que a prioridade do Concello sodes todas vós, as veciñas e veciños, para acadar un concello con vida, que medre ano a ano e que sexa exemplo de calidade, que aposte pola innovación e polo benestar, pola oferta cultural variada e durante todo o ano e que exista tamén esa cultura en galego e darlle a importancia que merece e que ten a nosa lingua.”

Tanto Lucía Santos, como Celia García e José Souto fixeron un chamamento a votar polo BNG o vindeiro 28 de maio, como único xeito de mudar o rumbo do noso concello e construír un concello de vangarda, o concello que a veciñanza de Marín precisa, e merece.

O BNG preséntase como a alternativa ao PP nun multitudinario acto en Marín