O BNG sae do 28M como a alternativa ao PP
O BNG considera que estamos ante o inicio da fin dunha era. O PP gañou estas eleccións, mais perdeu 3 representantes. É, pois, un goberno en declive.
Pola contra, o BNG está á alza. O BNG conseguiu xenerar unha corrente de ilusión e acadou uns resultados extraordinarios con 4 representantes, unha base sólida para ser a alternativa ao PP e acadar o goberno municipal en 2027.
O BNG quere destacar en primeiro lugar o exemplo de civismo democrático amosado pola veciñanza de Marín, nunha xornada electoral caracterizada pola normalidade e a ausencia de incidentes.
Mais o BNG lamenta a falta de previsión por parte do Concello de Marín en canto á falta de accesibilidade en varios colexios electorais, que dificultaron o exercicio do dereito de voto para as persoas con mobilidade reducida. Máis aínda, a falta de accesibilidade no IES Illa de Tambo supuxo importantes dificultades a 2 apoderadas do BNG para o correcto desempeño das súas funcións. O BNG considera que esta situación evidencia a falta de sensibilidade do goberno popular coas persoas con mobilidade reducida.
O BNG expresa o enorme agradecemento ás 1.989 persoas que confiaron no BNG nestas eleccións. Así como tamén a toda a militancia, simpatizantes e colaboradores/as que se mobilizaron dun xeito exemplar nunha campaña marcada pola enorme ilusión e o compromiso.
En canto aos resultados, o BNG parabeniza ao PP polo seu triunfo nestas eleccións municipais e manifesta o máis absoluto respecto ante o resultado da vontade popular, como non podía ser doutro xeito.
Dito isto, o BNG considera negativo para Marín o triunfo do PP. Dada a proposta de continuidade que presentaba o PP nestas eleccións é de agardar que nos vindeiros 4 anos os problemas que padece o noso concello, e que se ven reflectidos na dramática perda de poboación, se vexan agravados.
Mais o BNG considera que estamos ante o inicio da fin dunha era. O PP gañou estas eleccións, mais perdeu 3 representantes. É, pois, un goberno en declive.
Pola contra, o BNG está á alza. O BNG conseguiu xenerar unha corrente de ilusión e incrementou a súa representación en 3 representantes. O BNG configurou un grandísimo equipo e presentou un programa serio e rigoroso, unha folla de ruta clara e concreta para reverter a grave situación de deterioro xeral que presenta o noso concello e que guiará a nosa actuación nos vindeiros anos.
Este equipo traballou con moitísima ilusión nos últimos 9 meses e foi quen de trasladar esa ilusión a unha parte da sociedade que se volcou co BNG durante a campaña e na xornada electoral.
O BNG acadou uns resultados extraordinarios con 4 representantes. Son os mellores resultados do BNG desde o ano 2007, cando se acadaron 5 representantes, e igualouse o terceiro mellor rexistro da historia do BNG. O BNG subiu 1.110 votos, pasando do 7,21% ao 17,40%, o que supón un incremento do 141,33%.
Como aspecto negativo está o feito de que non se conseguiu o obxectivo de acadar o suficiente número de votos e representantes que permitira a constitución dun goberno alternativo ao PP.
Mais o BNG está profundamente satisfeito e ilusionado con estes resultados. Son uns resultados extraordinarios e agora o BNG ten un grupo de concelleiros/as que traballará arreo por e para a veciñanza de Marín, unha base sólida para ser a alternativa ao PP e acadar o goberno municipal en 2027.