O BNG anima á veciñanza a exercer o seu dereito a voto por correo para as eleccións galegas do 18 de febreiro
O voto por correo, a alternativa para aquelas persoas que non poden achegarse ás urnas. Asegurando que cada voz sexa escoitada
O Bloque Nacionalista Galego de Marín fai un chamamento á súa veciñanza para que fagan uso do voto por correo nas vindeiras eleccións galegas do 18 de febreiro. Dende o BNG, lembramos que o sufraxio é un dereito fundamental e unha ferramenta clave para a construción do noso futuro.
Para todas aquelas persoas que non poidan achegarse ás urnas nesa data, o voto por correo presenta unha alternativa cómoda e segura para asegurar que a súa voz se escoite. O proceso é sinxelo e accesible:
-
Solicitude do voto: Podedes solicitar o voto por correo en calquera oficina de Correos ata o 8 de febreiro. Non esquezades levar o DNI ou documento identificativo.
-
Recepción da documentación: Entre o 29 de xaneiro e o 11 de febreiro, recibiredes na vosa casa toda a documentación necesaria para votar, incluíndo papeletas de todas as candidaturas, sobre de votación, certificado de inscrición censal, información da mesa electoral e unha folla informativa.
-
Envío do voto: Unha vez decidido o voso voto, tedes ata o 15 de febreiro para entregar en Correos a documentación.
Dende o BNG, queremos reiterar a importancia da participación nestas eleccións que son cruciais para o futuro de Galicia. Invitamos a toda a veciñanza de Marín a exercer o seu dereito a voto e a contribuír a un cambio positivo na comunidade e no país. O futuro de Galicia depende de todos e todas nós. Votemos!