O BNG anima á veciñanza a mercar no comercio local

FB_IMG_1641896582051
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

Lucía Santos anima á veciñanza a apoiar o pequeno comercio e lamenta a falta de compromiso do goberno municipal no apoio ao pequeno comercio e á eliminación de iniciativas tradicionais

O BNG anima á veciñanza a mercar no comercio local

A portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, destaca a importancia crucial que o comercio local ten no desenvolvemento económico de Marín. Este sector non só serve como motor de crecemento, senón que tamén contribúe de maneira significativa á xeración de emprego, á redución da pobreza e á oferta de novas oportunidades económicas para a comunidade local.

Co aumento do consumo durante as celebracións de Nadal, Santos insta á comunidade a apoiar o comercio de proximidade e a desfrutar da hostalaría local, contribuíndo así a manter a vitalidade da nosa localidade e promover un consumo de calidade.

Santos subliña que "o pequeno comercio é un sector básico da nosa economía e de gran importancia para Marín". Ademais, sinala que "este comercio ven sufrindo unha crise significativa debido á competencia das grandes superficies, e a situación agravouse considerablemente co aumento das compras por internet".

Un lugar con actividade comercial convértese nun espazo destacado que atrae á poboación e transfórmase nunha zona de referencia. Cando os pequenos negocios dun barrio desaparecen, a zona tende a empobrecerse. Por iso, o BNG anima á comunidade a consumir produtos locais e facer as súas compras no pequeno comercio, mellorando así a economía local e contribuíndo a manter vivo este sector.

Doutra banda, o BNG lamenta a falta de iniciativas por parte do goberno municipal para promover o consumo de produtos locais en datas tan significativas como as de Nadal. Resulta aínda máis incomprensíbel tendo en conta que o goberno do PP decidiu eliminar a campaña de bonos comercio e o concurso de decoración natalicia que viñan celebrándose nos últimos anos. Lucía Santos considera que o pequeno comercio é un pilar fundamental da nosa economía e de gran importancia para Marín, polo que non comprende a falta de compromiso e o desinterese amosado polo goberno municipal do PP durante o seu mandato.

O BNG anima á veciñanza a mercar no comercio local