O BNG alerta sobre a incorrecta sinalización nas obras de Jaime Janer
Lucía Santos manifestou que “É fundamental reubicar os semáforos en puntos estratéxicos e visibles para evitar riscos e garantir a fluidez do tráfico”. Ante esta situación, o BNG insta ao Concello de Marín e á empresa responsable das obras a tomar medidas inmediatas.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín expresa a súa preocupación pola sinalización incorrecta nas obras que se están a realizar na rúa Jaime Janer. Esta situación está a xerar inconvenientes e riscos tanto para os peóns como para as persoas condutoras, debido á mala ubicación dos semáforos temporais, que está a provocar confusión e incrementando o risco de colisións.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, sinalou que “é fundamental reubicar os semáforos en puntos estratéxicos e visibles para evitar riscos e garantir a fluidez do tráfico.” Ademais, para mellorar a seguridade na circulación, Santos apunta a que “se retiren temporalmente os contedores de lixo situados na rúa Jaime Janer, xa que a illa de contedores diante do número 139 dificulta a visibilidade aos vehículos que acceden dende a rúa Recamán.”
O BNG insta ao Concello de Marín e á empresa responsable das obras a tomar medidas inmediatas para corrixir a sinalización. A este respecto, a portavoz do BNG recomenda ás persoas condutoras que extremen a precaución ao circular pola zona afectada e, aos peóns, prestar atención ás zonas de paso habilitadas e evitar cruzar fóra dos lugares sinalizados.
BNG de Marín comprométese a seguir de preto esta situación e a colaborar estreitamente coas autoridades competentes para garantir que as obras na rúa Jaime Janer se leven a cabo de maneira segura e eficiente, minimizando calquera tipo de risco para a cidadanía.