Ana Pontón: "Lideraremos un cambio político real e poremos Galiza en marcha"
Breve entrevista con Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza
Como enfoca o BNG as eleccións Galegas do 5 de abril?
Son unha grande oportunidade para abrir un tempo novo e poñer o noso país en marcha. Levamos un década de retroceso no político, no social e no económico. Feijóo deixa unha Galiza deteriorada na súa economía e nos servizos públicos, sen peso político nestes dez anos, con graves problemas de despoboamento e envellecemento poboacional, no que a precariedade vital é norma e no que os propios sinais de identidade do país padecen o ataque e o desprezo do Goberno que debera defendelos. Mais fronte a esa Galiza coa marcha atrás posta do PP, o BNG xa foi capaz de cambiar a dinámica política coa negociación do Acordo de Investidura no Congreso e agora imos ser capaces de liderar o cambio que Galiza necesita na propia Xunta.
Como ve hoxe a sociedade galega ao BNG?
Na percepción social de moita xente xa se abriu unha nova etapa política en Galiza. E quen a fixo posíbel foi o BNG, co noso deputado en Madrid e coa negociación que fixemos en beneficio da sociedade galega. Puxemos en evidencia algo moi importante: facendo valer os intereses de Galiza o noso país pode avanzar. O cambio real é ese: facernos valer. Fronte o maltrato de Madrid e fronte á submisión dos partidos estatais, que sempre acaban facendo o que lles mandan desde fóra. Hoxe o BNG é, cada día para máis persoas, a referencia clara dunha idea de país diferente e mellor. Por que? Porque xa somos quen está a liderar este novo tempo que unha grande maioría de galegos e galegas queren e necesitan. E facémolo desde tres ideas: a nosa defensa sen matices dos intereses galegos, a nosa aposta firme por políticas sociais e transformadoras e a nosa seriedade e solvencia á hora de de facer política. A xente quere cambio, un cambio de verdade e que sexa serio e solvente, que funcione e mellore a vida das persoas.
Que propón o BNG nestas eleccións?
Gañar o futuro. Cambiar o guión e poñer en marcha o noso país. Propoñemos algo revolucionario: confiar en nós, no que somos como galegos e galegas. Construír un país diferente e mellor, do que estarmos orgullosas e orgullosos. Un país vivo, con futuro, xusto, que avance con confianza e sen complexos, sen límites. Formulamos unha proposta seria e solvente para a modernización, o desenvolvemento económico e a cohesión social, desde o exercicio do autogoberno. Temos un país con enorme potencial e recursos: temos que poñelos ao servizo de crear riqueza e emprego aquí, de xerar oportunidades e beneficios aquí, de desenvolver, modernizar e reforzar a nosa economía, de garantir servizos públicos de calidade e universais, de cambiar precariedade por oportunidades e por xustiza social, de actuar con autoestima, orgullo de país e sen complexos, como a nación viva, plural e rica en recursos e en talento que somos: a Galiza do século XXI.