Acto Político 20 Xullo: Día da Patria Galega
Con motivo do 25 de xullo, Día da Patria Galega, o BNG de Marín organiza o venres 20 de xullo un Acto Político na Alameda Rosalía de Castro de Marín e unha Cea de Confraternidade.
O Acto comezará ás 21:00h. e contaremos coas intervencións de Guillerme Vázquez (ex-Portavoz Nacional do BNG), Xosé Leal (Deputado Provincial Lingua e Cultura BNG) e Lucía Santos (Portavoz Municipal do BNG de Marín). Amais participará o poeta de Seixo Ángel Estévez e os Amigos da Gaita.
E ás 22:00h. terá lugar unha Cea de Confraternidade na Taberna de Lucho (Santomé), aberta a todas aquelas persoas que queiran celebrar esta data con nós. O prezo é de 16 euros e é necesario apuntarse (ben por correo electrónico: [email protected], ben por teléfono: 666 14 52 09), tendo de prazo até o día 18 de xullo.
Este 25 de xullo coincide co 50 aniversario desde que en 1968, tras décadas de parón pola ditadura franquista, as reivindicacións dos dereitos do pobo galego volvesen estar presentes nas rúas de Compostela. Naquela data, a policía fascista arremeteu contra as persoas manifestantes que, ano tras ano, seguiron tentando chegar até a emblemática Praza da Quintana, pero que non lograron conquistar ata 1983, tras unha sentada de oito horas na cidade vella de Santiago.
A campaña do Día da Patria está centrada na idea de "Sumar por Galiza" a todas as persoas que, mesmo desde diferentes visións, comparten a idea de que este pobo debe gobernarse a si mesmo escribindo o seu propio guión. O proxecto do BNG, emancipador, forte, aberto e moderno, significa a esperanza dun cambio real para deixar atrás precariedade, emigración e a discriminación a este país, sendo a mellor ferramenta política para defender os dereitos das maiorías sociais da nosa Terra e avanzar colectivamente.