Presentamos proposición non de lei Instando á Xunta a paralizar as obras no Castro de A Subidá

1

O grupo parlamentar do BNG presentou proposición non de lei instando á Xunta a paralizar as obras no Castro de A Subidá. Ademais disto, o deputado parlamentar Paulo Ríos, rexistrou unha serie de preguntas nas que se piden explicacións á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por estas actuacións que se están levando a cabo no Castro.

Presentamos proposición non de lei Instando á Xunta a paralizar as obras no Castro de A Subidá

O grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, vén de presentar no Parlamento Galego o pasado xoves 26 de novembro, unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a paralizar as obras de “urbanización” no Castro de A Subidá en Marín e acordar coa Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento a reformulación do proxecto para garantir a protección e conservación dos valores do xacemento.

Ademais disto, o deputado parlamentar Paulo Ríos, rexistrou unha serie de preguntas nas que se piden explicacións á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por estas actuacións que se están levando a cabo no Castro.

O pasado 22 de outubro do 2019, o Grupo Parlamentar do BNG xa presentou por rexistro unha serie de preguntas relativas ao proxecto de “musealización” de castros na provincia de Pontevedra.

Posteriormente, o 26 de novembro do 2019 formuláronselle ditas preguntas na comisión de Patrimonio Cultural, ao que a directora xeral afirmou que a Consellaría de Cultura velaría polo respecto á legalidade e protección do patrimonio cultural.

Lamentabelmente, un ano despois de presentar estas iniciativas parlamentares, asistimos con estupor ao inicio das obras de humanización no Castro de Toiriz (Silleda), Alobre (Vilagarcía) e A Subidá (Marín), coa escavación de buracos para colocar balizas, colocación de dados de formigón para asentar mobiliario, pedra serrada a modo de bancos, lousados e pavimentación moi próximas a restos arqueolóxicos…e por se isto non fora pouco, está previsto o axardinamento con plantas ornamentais que deturpan a natureza e esencia do enclave.

Unha auténtica actuación aberrante e agresiva cara a un ben patrimonial de extraordinaria valía.

Un proxecto que supón a uniformación e estandarización de xacementos arqueolóxicos en enclaves naturais que son alterados con criterios propios de espazos urbanos sen mostrar a mais mínima sensibilidade a un ben patrimonial de extraordinaria valía.

Por todo isto, dende o BNG seguiremos esixindo á Xunta a paralización inmediata da execución das obras que se están realizando no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos galaico-romanos de Pontevedra e evitar a desfeita que se está levando a cabo co visto e prace de Patrimonio Cultural e Xunta.

Presentamos proposición non de lei Instando á Xunta a paralizar as obras no Castro de A Subidá