O BNG de Marín demanda a paralización das obras de “musealización” do Castro de A Subidá.

As actuacións no Castro de A Subidá son un atentado e unha falta de respecto hacia o noso patrimonio arqueolóxico. Como se pode entender senón a colocación dunha pedra coa lenda "LOOK" nun castro?
O BNG de Marín demanda a paralización das obras de “musealización” do Castro de A Subidá.

As actuacións que o ministerio de Fomento en convenio coa Deputación de Pontevedra a través da área “Turismo Rías Baixas” está realizando no Castro de A Subidá no denominado proxecto Trazas de Pontevedra I, co que din levar a cabo a posta en valor dos castros, en realidade son un atentado ao patrimonio arqueolóxico e repiten os erros cometidos en anteriores actuacións, como a realizada no castro de Toiriz en Silleda.

Estase transformando o castro con actuacións moi invasivas e pouco respectuosas co xacemento. Non estamos ante un proxecto de restauración e estudo, estamos ante un proxecto de urbanización e conversión do castro nun parque temático que non ten en conta as características do entorno. Como se entende senón que se vaia transformar o monte nun xardín cheo de flores? Cambiando totalmente a imaxe actual.

Está facendo a administración autonómica seguimento das actuacións? Hai algún arqueólogo/a responsábel controlando o que se está facendo? Se hai alguén responsábel non está facendo ben o seu traballo polo que se pode ver a simple vista no castro.

Esta musealización non está pensada para poñer en valor o Castro da Subidá, nin os outros castros onde o Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra están actuando, o que vai supoñer é a “estandarización” dos castros da Provincia de Pontevedra que van ser todos iguais. Vai dar o mesmo visitar o da Subidá ou o de Toiriz, pois imos ver dous castros semellantes, cando son emprazamentos e contornos distintos coas súas peculiaridades paisaxísticas.

Desde o BNG demandamos a inmediata paralización destas obras e que se reconsidere o proxecto desde unha perspectiva respectuosa coa conservación, estudo e posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

Por todo isto, demos traslado das obras que se están realizando ao Grupo Parlamentar do BNG para esixir á Xunta a paralización inmediata da execución das obras que se están realizando no Castro de A Subidá no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos galaico-romanos de Pontevedra, e evitar que a desfeita ao Patrimonio arqueolóxico sexa maior.

Marín, 24 de novembro de 2020

6431

O BNG de Marín demanda a paralización das obras de “musealización” do Castro de A Subidá.