BNG critica o documento da Comisión de Reconstrución porque non supón unha saída xusta da crise
O deputado Néstor Rego votou non ao ditame da Comisión de Reconstrución Social e Económica porque non incorpora políticas transformadoras que eviten que a crise a paguen de novo os traballadores e traballadoras, nin tampouco asegura unha xestión pública e de calidade da sanidade e dos servizos sociais.
Rego exemplificou coa situación de Alcoa como un dos casos de empresas estratéxicas que deben ser intervidas pola Administración pública para nacionalizalas e asegurar a continuidade da actividade e o mantemento dos postos de traballo.
O BNG lamenta que tanto PSOE como Unidas Podemos rexeitasen propostas como a xestión directa da sanidade pública, un imposto ás grandes fortunas, reducir o gasto militar ou a recuperación do rescate bancario.
Rego defendeu a necesidade de soberanía para Galiza, para que o noso país teña capacidade para determinar as súas políticas económicas e poida promover un desenvolvemento autocentrado, sobre a base das inmensas potencialidades que posúe.