O BNG solicita a retirada dos contedores situados diante da alameda Rosalía de Castro

DSC_7032

O BNG comeza hoxe venres unha campaña para sensibilizar á sociedade de Marín e, por outro lado, emprazar á Autoridade Portuaria sobre a situación dos contedores que se sitúan no porto en fronte á vila.

O BNG solicita a retirada dos contedores situados diante da alameda Rosalía de Castro

Desde o BNG defendemos que sería máis efectivo e económico a colocación noutro lugar, por iso propoñemos que sexan levados e depositados perto da terminal portuaria.

Non entendemos o silencio do Concello de Marín con todo que teña a ver co Porto cando prexudica á vila. Un silencio de complicidade onde a alcaldesa claudica cos intereses do Porto en detrimento dos da cidadanía.

O pasado 17 de xuño a Alcaldesa realizou a súa primeira entrevista despois das eleccións municipais, e a fixo coa Autoridade Portuaria. Non levou ningunha soa proposta para defender os intereses de Marín, limitándose só a escoitar os proxectos do goberno portuario.

Pese aos cartos que se gastan en propaganda desde a Autoridade Portuaria vemos como as cousas non van ben. Lamentamos a perda da descarga de froita que vai sufrir o Porto que suporá a perda dun 20% do traballo. Non damos creto na política de competencia con Vigo ao que nos quere levar a Autoridade Portuaria de Marín, cando os dous portos deberían traballar de maneira conxunta e coordinada.

Demandamos á Alcaldesa de Marín para que non se someta cando a vila non se beneficia da política portuaria, é máis o pobo de Marín síntese prexudicado de xeito alarmante cando por exemplo vemos empantanados e almacenados os contedores de transporte marítimo. Por un lado non hai unha política municipal sobre a relación de convivencia entre a vila e o porto, e por outro temos unha Autoridade Portuaria inoperante que se dedica a ir polas feiras a fachandear polo éxito pasado da descarga da froita, vendo agora como lle dan as costas.

Desde o BNG demandamos un proxecto de integración do porto coa vila, e ese deseño bate de fronte co almacenaxe dos contedores enfronte da nosa fachada urbana.

A Moción que presentamos ao respecto no pasado mes de agosto segue sen se tratar. Como relatamos na devandita proposta Vilagarcía e Vigo, cuxos portos son de Interese Xeral como o de Marín, tiveron a ben abrirse ao mar. A Marín nin se lle agarda.

 

O BNG solicita a retirada dos contedores situados diante da alameda Rosalía de Castro