Un tempo novo para Marín, por Lucía Santos
No BNG estamos traballando arreo, con moito optimismo, corrixindo erros e achegándonos á veciñanza para ofrecerlle un proxecto ilusionante. No BNG temos claro que Marín non pode vivir de sorrisos e amabilidade, cómpre ter un proxecto político serio, encaixando a Marín na realidade galega, cun gran desenvolvemento das políticas sociais, promovendo o dinamismo socioeconómico, abrindo á vila ao mar, rehabilitando e protexendo o patrimonio que temos cun proxecto deseñado de forma global. Niso estamos no BNG, a alternativa ao desgoberno do Partido Popular.
Hai uns días cumpríronse tres anos da vitoria do PP nas eleccións municipais do 2015. A veciñanza de Marín leva 7 anos de goberno do Partido Popular cun balance negativo. O noso concello padece unha sangría na perda de poboación, consecuencia da falta de dinamismo social e económico, nomeadamente na xuventude, o sector máis activo que lisca ao non atopar ofertas de traballo axeitadas. As consecuencias ímolas ver no futuro dado que esta circunstancia vai provocar unha decadencia progresiva ao non contar cos recursos económicos que aportan quen están en idade de traballar.
Ante a pregunta de cal é o problema de fondo temos que as respostas son varias, mais hai unha que atinxe claramente á política municipal e ao modelo que se exerce no noso concello. O actual goberno de María Ramallo non ten un proxecto global de concello polo que non afronta os problemas estruturais existentes en Marín. En resumidas contas, o que acontece en Marín é unha política de parcheo e de lavado de cara superficial: “cando a mona se viste de seda mona se queda”. Nestes últimos anos o PP viviu das rentas que lle deixou o “denostado” bipartito (no BNG cometimos erros, abofé, mais sería xusto recoñecer xa os logros e virtudes moi interesantes realizadas naquel entón e que o PP foi incapaz de superar até o momento) e dos fondos aportados pola Deputación gobernada polo PSOE-BNG.
Marín afronta problemas importantes que afectan á calidade de vida da veciñanza: a falta dun auditorio, dunha biblioteca municipal acorde co século XXI, falta de políticas e infraestruturas xuvenís, un centro de saúde cos servizos necesarios, limitada oferta de lecer, protección do noso patrimonio histórico artístico, falta dunha política ambiental, problemas serios nos servizos básicos como na rede eléctrica e de auga, carencia de ambulancia 24 horas, deficiente transporte público, etc.
Namentres vanse destruíndo edificacións históricas pola inexistencia dun proxecto global ao que facía referencia ao principio. A xa case desaparecida Casa da Raña e os estados lamentábeis do pazo de Cadro, edificio de Pais (ou Baladrón), a Casa do Reloxo (séc. XVIII), etc son bos exemplos. Non é só un problema de inexistencia de vontade política senon síntoma claro e evidente da falla de proxecto político municipal.