O BNG apoia as reivindicacións dos colectivos LGTBIQ+
O grupo municipal do BNG presenta unha moción, para o seu debate en Pleno, en apoio ás reivindicacións dos colectivos LGTBIQ+.
O próximo 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ e aproveitamos esta data para recoller as reivindicacións dos colectivos e traelos ao Pleno da Corporación coa finalidade de darlles visibilidade e apoio institucional.
Pasou un ano desde que o PP, coa súa maioría rexeitou no Parlamento a proposta da Lei galega de Identidade de Xénero, un texto proposto polos colectivos e asumido polos grupos parlamentares da oposición, cos únicos votos en contra do PP. Actualmente estase a valorar a posibilidade de volver presentala e agardamos que desta vez o apoio sexa unánime. Homologarnos a Asturias, Madrid, Valencia, Canarias é urxente e necesario para que as persoas LGTBIQ+ dispoñan dun marco legal que ampare as súas necesidades e se despreguen os dispositivos necesarios para dar unha atención axeitada, independentemente do lugar onde se habite no noso país. A despatoloxización debe ser prioritaria para poder avanzar cara a normalización das vidas das persoas de todas as identidades sexuais, e iso só pode ser abordado desde unha lei galega.
Por outra banda instamos á Xunta de Galiza a aplicar en toda a súa dimensión a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia no que respecta aos ámbitos que nela se recollen como son o da Policía e xustiza, laboral, familiar, da saúde, da educación, da cultura e o ocio, do deporte, da xuventude e da comunicación. Normalizar, visibilizar, despatoloxizar, formar e informar son os obxectivos marcados.
Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
-
Instar á Xunta de Galiza e a todas organizacións políticas do Parlamento,
a) A impulsar a Lei Galega de Identidade de Xénero onde se recollan as reivindicacións dos colectivos, especialmente a despatoloxización das diversas identidades sexuais.
b) Desenvolver e aplicar a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia en todos os ámbitos que se mencionan na mesma: da Policía e xustiza, laboral, familiar, da saúde, da educación, da cultura e o ocio, do deporte, da xuventude e da comunicación.
c) Dotar orzamentariamente o desenvolvemento efectivo da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galiza.