O BNG expresa a súa preocupación polos constantes desafíos na xestión das obras públicas
Desafíos no desenvolmento urbano de Marín: Froito do azar ou indicios dunha xestión deficiente? Non ten Xeito de Ser unha coincidencia.
Nos últimos anos, a execución de obras públicas en Marín amosou unha serie de desafíos que marcaron o devir desta localidade. Entre atrasos, erros en formulacións, elección de empresas e execución de traballos, as obras públicas en Marín parecen estar inmersas nun culebrón sen fin. O episodio máis recente deste drama é o intento do grupo de goberno local de rescindir o contrato coa empresa adxudicataria das obras do Liceo Casino debido ao incumprimento dos traballos.
O grupo municipal do BNG expresou a súa preocupación en diversas ocasións, subliñando a paralización da reforma que, a día de hoxe, leva meses sen avances. A data de finalización inicialmente prevista para xullo de 2023 agora pende dun fío incerto. A concelleira Lucía Santos manifestou a súa inquietude nunha Comisión Informativa de Urbanismo o pasado mes de setembro, cuestionando por que só o 45,6% do edificio está a ser intervido, deixando inutilizado máis da metade do espazo total.
A lei de Murphy, que establece que se algo pode saír mal, sairá mal, parece ter atopado un campo de probas en Marín. Case 75 anos despois de que o enxeñeiro aeroespacial Edward Aloysius Murphy enunciase esta lei, Marín evidencia a súa total vixencia. Os problemas actuais coa paralización das obras no antigo Liceo Casino súmanse a un historial de desafíos entre como os atrasos persistentes na demolición do antigo mercado de Cantodarea, problemas e aumento de custos no Centro Sociocultural, deficiencias nos materiais do novo paseo Alcalde Blanco, malos olores en Cantodarea despois da posta en funcionamento do novo colector da Avenida de Ourense, atrasos acumulados na reforma da piscina municipal e o estancamento nas obras do novo colector na marxe do río Lameira, entre outros.
A situación actual obriga a unha análise crítica e profunda. É fundamental identificar e abordar as posibles raíces destes desafíos persistentes na execución de obras públicas. Marín merece unha xestión eficiente e transparente para garantir o benestar e desenvolvemento da súa poboación.