Declaración Asemblea Local do BNG de Marín
O anuncio efectuado o pasado venres 4 de maio por parte dun pequeno grupo de persoas no que manifestan a súa intención de abandonar o BNG é a consumación dun proceso de autoexclusión iniciado o 4 de agosto de 2017 coa elección do novo Consello Local do BNG de Marín.
O BNG de Marín lamenta a situación que leva a un pequeno grupo de militantes a anunciar a súa baixa desta organización. O BNG é un proxecto colectivo baseado no traballo militante e onde toda aquela persoa que comparta os principios desta organización é benvida e necesaria. Partimos da base de que non é unha situación agradábel.
O anuncio efectuado o pasado venres 4 de maio por parte dun pequeno grupo de persoas no que manifestan a súa intención de abandonar o BNG é a consumación dun proceso de autoexclusión iniciado o 4 de agosto de 2017 coa elección do novo Consello Local do BNG de Marín. Desde entón un pequeno grupo de compañeiros/as decide, sen a máis mínima explicación, manterse á marxe dos órganos do BNG funcionando de xeito paralelo e autónomo con respecto á organización. Os múltiples esforzos levados a cabo para normalizar a situación interna reveláronse inútiles.
O anuncio deste pequeno grupo de militantes de abandonar o BNG, se ben lamentamos, respectámola profundamente. Cada quen debe estar no lugar no que considera que debe estar en cada momento e estas persoas decidiron hai uns meses que este non era o lugar no que debían estar, que o seu lugar era outro e desde o BNG non podemos máis que respectar a súa decisión.
As baixas de Pilar Blanco e Alfonso Fernández do BNG deben vir acompañadas da devolución das actas ao BNG en virtude do Código Ético que toda persoa que participa nunha lista desta organización asina no seu momento, que expresamente establece que a acta estará a disposición do BNG en todo momento.
A existencia nos últimos tempos dunha evidente desafección da cidadanía cara a política ten a ver, en parte, con actitudes pouco edificantes por parte dalgúns/has representantes políticos. O BNG aposta con firmeza pola exemplariedade como xeito de gañar a confianza das maiorías sociais, polo que esiximos a Blanco e Fernández que dean exemplo e lle devolten ao BNG o que é do BNG. É unha obriga ética e moral.
O BNG de Marín afronta esta situación con absoluta normalidade. O BNG non ve minguada a súa capacidade de traballo nin precisa unha recomposición interna de ningún tipo. A Asemblea Local e o Consello Local veñen funcionando con absoluta normalidade desde agosto. No Consello Local (composto por 14 persoas) non se produce ningunha baixa e na Asemblea Local estas persoas non participaban desde agosto, polo que a súa marcha non produce ningún tipo de anomalía interna. Normalidade absoluta.
Pola contra, o BNG de Marín pode afirmar con rotundidade que estamos en mellor situación que hai catro días. O afastamento de Blanco e Fernández da organización desde agosto (falta de asistencia e de información aos órganos da organización e actuación totalmente independente do BNG) provocou na práctica unha situación de bloqueo e boicot permanente que remata coa súa marcha.
O BNG de Marín non vai entrar a valorar as declaracións efectuadas o pasado venres que serviron para tentar xustificar o que resulta obvio para o conxunto da veciñanza de Marín. Evidentemente hai que fuxir da famosa foto de Pilar Blanco nunha asemblea doutra formación política para preparar as eleccións municipais de 2019 e da participación dalgún relevante xa ex-militante en máis de media ducia de asembleas internas desa mesma organización política. Evidentemente.
Da nosa banda non vai sair ningunha mala palabra cara as persoas que decidiron, hai xa meses, emprender un novo camiño á marxe do BNG. Se ben lamentamos que este pequeno grupo nunca formulara ningún posicionamento crítico ou opinión nos órganos do BNG. Desapareceron en agosto sen máis.
A nosa resposta, dirixida á sociedade marinense é a seguinte: Traballo, traballo e traballo para ofrecer solucións aos problemas do noso Concello, para construir unha alternativa ao paralizante goberno do PP e para elaborar un proxecto para Marín ilusionante, moderno e de futuro.
Demostrarémolo con feitos, executando o proxecto que un grupo de compañeiros/as presentamos hai uns meses para revitalizar esta organización, e que xa se puido ir visibilizando nestes últimos tempos:
- Internamente: Continuar coa liña establecida, e recuperada, para potenciar a democracia, a participación e a transparencia, principios básicos desta organización. A información flúe en todas as direccións, a militancia está permanentemente informada das accións e propostas da organización, asembleas mensais onde toda a militancia é convocada, posibilidade de participación permanente...
- Externamente: Alternativa coherente, positiva e construtiva ao paralizante e inoperativo goberno do PP continuando as liñas e formas de traballo, baseadas nun contacto permanente coa veciñanza que nos permita escoitar as demandas e necesidades das xentes deste Concello de cara a sermos unha ferramenta útil para mellorar as condicións de vida dos/as nosos/as veciños/as.
A veciñanza de Marín pode confiar no BNG como organización ao servizo dos intereses das maiorías sociais. Polo xa exposto, a organización está intacta, forte, cohesionada, optimista e ilusionada para dar resposta ás necesidades dos/as nosos/as veciños/as e para ofrecer un proxecto de futuro que revirta o constante declive do noso Concello, e que o PP non é non só quen de frear, senón que baixo o seu mandato acelérase.
O BNG anima a todas aquelas persoas que comparten puntos de vista e sintonía con esta organización a que se acheguen a nós, como xa o fixeron desde agosto un número importante de persoas, que ou ben se deron de alta na organización ou ben militantes que voltaron participar despois de moito tempo ao percibir que un proxecto serio, colectivo e con ilusión voltaba levar as rendas desta organización. Cómpre salientar que despois de moitos anos Galiza Nova volta ter presenza en Marín.
O BNG anima á veciñanza a que se achegue ao BNG. Comprobará de primeira man como traballa unha organización política cohesionada, ilusionada e optimista baixo uns principios de traballo colectivo, democracia, transparencia e participación onde toda aquela persoa que comparta os principios básicos desta organización é e será sempre benvida.