O BNG solicita medidas para prestar unha adecuada atención á saúde mental

FB_IMG_1641896582051
Lucía Santos, Portavoz municipal do BNG de Marín

Lucía Santos afirma que “é escandaloso ter que esperar de 2 a 3 meses para unha primeira cita pero o máis grave é que as seguintes citas teñen unha demora de 6 meses a un ano, esta situación resulta inaceptábel xa que dende o ámbito sanitario están a alertar do aumento de suicidios.”

O BNG solicita medidas para prestar unha adecuada atención á saúde mental

O BNG trasladará unha moción ao pleno municipal que se celebrará este xoves día 10, solicitando medidas a tomar para prestar unha adecuada atención á saúde mental.

A falta de medios económicos, materiais e humanos de atención á saúde mental da poboación ten un déficit endémico no sistema sanitario público galego que afecta directamente ao coidado das persoas que sofren este tipo de doenzas. A pandemia está a agravar a situación e deixa en evidencia que se antes da COVID 19 os servizos de saúde mental eran escasos, agora son absolutamente insuficientes para atender as secuelas que deixa o virus tamén neste ámbito.

A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, expón que “a área sanitaria de Pontevedra-Salnés ten que dar asistencia a máis de 300.000 persoas e para isto, só conta fóra da atención hospitalaria con 3 unidades de saúde mental de adultos en Vilagarcía, Lérez e Mollabao e unha infanto-xuvenil na Parda, e todas as unidades están saturadas cunha carga asistencial moi elevada e escaseza de persoal.”

Lucía Santos manifesta que “é escandaloso ter que esperar de 2 a 3 meses para unha primeira cita pero o máis grave é que as seguintes citas teñen unha demora de 6 meses a un ano. Esta situación resulta inaceptábel, xa que dende o ámbito sanitario están a alertar do aumento do número de suicidios, sendo especialmente grave entre a xente nova polo que o goberno da Xunta ten que tomarse en serio este grave problema.”

Hai uns meses crearon unha Unidade de Atención ao Suicidio con 1 psiquiatra e 2 psicólogas, que prestaban atención 3 días á semana no Centro de Saúde da Parda e 2 no hospital do Salnés. Pero pasados uns meses pecharon a unidade e as persoas que estaban sendo atendidas son derivadas ás Unidades de Saúde Mental, que están máis que saturadas.

Toda esta falta de atención tradúcese nun drama para as persoas doentes, para as familias e para os seus entornos. As que poden acoden á sanidade privada e as que non, sinxelamente quedan abandonadas.

En Galiza quitáronse a vida 307 persoas no último ano, temos a maior taxa de suicidios do Estado, 13% por 100 mil habitantes, fronte ao 7,79%. Os servizos de psiquiatría son dos de máis lista de espera do SERGAS, segundo a propia información deste, no pasado mes de xuño eran 7.020 persoas as que agardaban por unha primeira consulta. As consultas de seguimento tardan meses polo que con estes datos é imprescindíbel tomar medidas e actuar sen demoras.

Por todo isto, o BNG solicita ao Concello de Marín instar á Xunta de Galiza a que repoña a Unidade de Atención ao Suicidio que estaba funcionando na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés e que aumente os recursos e o persoal das Unidades de Saúde Mental da Área Sanitaria tanto nas tres unidades de adultos (Mollabao, Lérez, Vilagarcía) como na infanto-xuvenil do centro de saúde da Parda.

O BNG solicita medidas para prestar unha adecuada atención á saúde mental