O BNG presenta a Axenda Cultural

Presentación Axenda Cultural
Presentación Axenda Cultural

O BNG presentou esta mañá na Praza da Veiguiña unha programación cultural que terá lugar de xaneiro a xuño, con vistas a continuidade, nun semestre centrado na literatura. Os eventos organizados están formados por presentacións de libros e recitais poéticos, co obxectivo de revitalizar unha vila que perdeu máis dun 5% da poboación en só 8 anos e apoiar e promover a escrita en lingua galega.

O BNG presenta a Axenda Cultural

O BNG presentou esta mañá na Praza da Veiguiña unha programación cultural que terá lugar de xaneiro a xuño, con vistas a continuidade, nun semestre centrado na literatura. Os eventos organizados están formados por presentacións de libros e recitais poéticos, co obxectivo de revitalizar unha vila que perdeu máis dun 5% da poboación en só 8 anos e apoiar e promover a escrita en lingua galega.

O pistoletazo de saída será dado pola presentación de Os bicos feridos, obra de Anna R. Figueiredo e gañadora do I Premio Viadutos de Novela de Redondela, nun acto que terá lugar o 29 de xaneiro ás 20h na Biblioteca Vidal Pazos.

Xa no mes de febreiro, Juan Parcero presentará Vento na cara no Museo Manuel Torres o día 14 ás 20h, e se realizará un recital poético na honra de Rosalía de Castro na alameda que leva o seu nome o día 24 ás 12h, como conmemoración do seu nacemento.

O 21 de marzo ás 12h na Alameda de Seixo, haberá un recital poético polo Día da Poesía, nun acto que contará coa presenza de poetas da contorna. A seguinte cita será o 5 de abril ás 20h no Museo Manuel Torres, coa presentación de O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, galardoada co I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil e escrita por Antonio M. Fraga. O día 25 ás 20h será o turno de Ana Cabaleiro, gañadora do Premio García Barros con As Ramonas, obra que traerá a Marín.

Como colofón, no mes de xuño presentarase o novo libro de Eva Mejuto, Memoria do Silencio, o día 6 de xuño ás 20h no Museo Manuel Torres; e o día 27 ás 20h, Iria Collazo fará de peche con A casa do paralelo 54.

No evento de presentación estiveron presentes Lucía Santos Omil, candidata á alcaldía do BNG, Jessica Souto, unha das novas caras do partido, Daniel Chapela, colaborador cultural natural de Meiro (Bueu) e Cristina Sobral.

As actividades están realizadas co apoio de Ticket2Europe, unha entidade que traballa a nivel europeo, e están financiadas cun baixo orzamento como unha mostra “de que cando se desexa facer algo, é posible”.

“O noso concello carece dunha programación cultural ao longo do ano organizada desde o Concello, como sí existe en numerosos concellos, e a importante actividade cultural da que goza a veciñanza é grazas ao intenso traballo levado a cabo polas entidades e asociación culturais marinenses, moitas veces en condicións de gran precariedade”, explicou  Lucía Santos, portavoz do Bloque en Marín. “O noso municipio, pese a ter 25000 habitantes carece dun auditorio, cando en concellos de só 6000 si que contan con esas infraestruturas” sentenciou.

O BNG presenta a Axenda Cultural