O BNG pide a reapertura do centro de formación Aixola
Luís Bará denuncia o peche do centro desde finais do curso 2016-2017
O grupo parlamentario do BNG presentou, por medio do deputado Luís Bará, diversas iniciativas parlamentarias relacionadas co centro de formación Aixola, que depende do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e que leva pechado desde finais do curso 2016-2017. Nestas iniciativas, o grupo parlamentar do BNG demanda información sobre as razón do peche de Aixola e solicita a súa reapertura no curso 2019-2020.
A sede de Aixola está en dependencias cedidas polo Porto de Marín. Trátase dun centro pioneiro e singular, referente na formación de profesionais do sector naval e pesqueiro, que ofrece formación teórico-práctica encamiñada ao mercado laboral, con cursos de Composites, Madeira, Instalacións, Redes, Plásticos, Pneumáticas ou Velería.
Un dos obxectivos da Aixola é a integración ou reintegración no ámbito laboral. Segundo os datos recollidos na páxina web, o centro presenta uns índices elevados de inserción laboral, que no curso 2015-2016 superou o 80% nas áreas de madeira, composites e redes.
Malia os bos resultados do centro, pechou a súa actividade a finais do curso 2016-2017 e leva xa máis de un ano e medio pechado. Ainda que existen persoas inscritas para facer os cursos desde fai máis dun ano, non se coñece a data de reapertura da escola.
Segundo fontes da Consellaría do Mar, a razón do peche temporal do centro é a reordenación do financiamento, que procedía do Fondo Europeo de Pesca (2007-2013) e que debía ser adaptado aos marcos normativos do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (2014-2020).
Parece ser que a razón última do peche da escola é unha disputa entre as consellarías do Mar e Economía e Emprego sobre quen ten a competencia sobre o centro Aixola e a quen corresponde o seu financiamento. Segundo do deputado nacionalista Luís Bará, “máis parece unha cuestión de incompetencia que de competencia. A mala xestión da Xunta de Galiza levou ao peche do centro e a deixar na rúa tanto ao profesorado como a numerosas persoas interesadas en facer os cursos. Cómpre ter en conta que tanto no sector naval como no eólico existe moita demanda de profesionais formados nesta escola e que se están perdendo oportunidades de formación e inserción laboral de centos de persoas sen emprego”.
Proposición e preguntas parlamentarias
Por todo isto, o BNG presentou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias en forma de proposición non de lei e preguntas. Por medio dunha proposición non de lei o BNG solicita que se poñan en marcha os procedementos necesarios para facer posíbel a reapertura do Centro no curso 2019-2020, mediante a contratación do profesorado e a apertura dos prazos de inscrición do alumnado interesado.
Por outra parte, o BNG rexistrou as seguintes preguntas parlamentarias:
1. Por que razón permanece pechado o centro A Aixola, dependente ate o ano 2017 do CETMAR?
2. Cando prevé a Xunta de Galiza reabrir o centro e de que departamento vai depender?
3. Que financiamento recibiu este centro do Fondo Europeo de Pesca (2007-2013)?
4. Que financiamento recibiu este centro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (2014-2020)?
5. Xustificou convenientemente a Xunta de Galiza os fondos europeos recibidos para este proxecto?
6. Cantas persoas están inscritas como interesadas nos cursos da Aixola?
Plenos de Marín e Pontevedra
Ademais de levar este tema ao parlamento galego, o BNG tamén vai rexistar mocións para que sexan aprobadas polos plenos de Marín e Pontevedra, dada a importante incidencia da actividade formativa da escola nestes dous concellos.