O BNG insiste nun maior apoio do Concello ao comercio local
Lucía Santos afirma que “o BNG percorreu preto de 200 comercios, tanto en Marín como en Seixo, para falar cos/as comerciantes e escoitar a súa opinión”
“A principal conclusión que extraemos nesta campaña é a queixa xeral da falta de promoción e apoio do Concello de Marín ao sector do comercio, con actuacións claramente insuficientes e de moi limitado alcance”
O BNG de Marín lanzou no pasado mes de decembro a campaña “Pensar Marín”. O noso concello atópase inmerso nunha preocupante tendencia, que se reflicte na perda de poboación rexistrada desde o ano 2011, coincidindo coa chegada ao goberno municipal do PP de María Ramallo. Nesta década Marín perdeu 1.749 habitantes (- 6,73%), pasando de ser o concello con máis poboación da comarca do Morrazo a ver como Cangas nos supera en 2.460 habitantes.
A decadencia do noso concello pode verse a simple vista, mais os datos confirman esta percepción xeral. É por isto que, “ante a nefasta xestión do goberno municipal do PP e a súa parálise e absoluta incapacidade na procura de solucións, no BNG decidimos mover ficha e iniciar un proceso de reflexión colectiva para analizar as causas desta tendencia tan negativa de cara a reverter a situación convertendo Marín nun concello dinámico e vivo”, en palabras da Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos.
O primeiro obxectivo desta campaña foi o comercio local, un sector que arrastra desde hai anos unha importante crise. Lucía Santos afirma que “o BNG percorreu preto de 200 comercios, tanto en Marín como en Seixo, para falar cos/as comerciantes e escoitar a súa opinión, tanto os aspectos positivos como as súas queixas, demandas e propostas.” Amais, deixamos un pequeno cuestionario en todos os comercios que percorremos en relación a unha serie de temas concretos.
Lucía Santos agradece “a boa acollida do sector do comercio, que valorou moi positivamente a nosa iniciativa de achegarnos aos seus comercios para coñecer a súa opinión, e a participación dos/as comerciantes coa entrega de ducias de cuestionarios e as suxerencias aportadas nas conversas durante a campaña.”
A Portavoz municipal do BNG de Marín salienta “a gran coincidencia existente entre o comercio e o BNG á hora de analizar a situación do sector e do concello en xeral.” E lembra que “nestas semanas recollimos as preocupacións, demandas e ideas do sector do comercio, coa idea de mellorar a situación dun sector económico que para o BNG é fundamental, que xera traballo, benestar e vertebración social nas vilas e cidades.”
Resulta evidente que a competencia das grandes superficies e o aumento das compras por internet son dous importantes factores que dificultan, e moito, a supervivencia do comercio local. “Mais a principal conclusión que extraemos nesta campaña é a queixa xeral da falta de promoción e apoio do Concello de Marín ao sector do comercio, con actuacións claramente insuficientes e de moi limitado alcance”, salienta Lucía Santos.
A Portavoz municipal prosegue afirmando que “amais, o comercio solicita melloras nas rúas, como unha maior limpeza, unha mellor iluminación en determinadas rúas, embelecer as rúas e o adecentamento dos locais baleiros, que dan moi mala imaxe, entre outras cousas. Por outra banda, demandan maiores facilidades a emprendedores e formación. E os/as comerciantes da rúa do Sol demandan un maior control do tráfico nesta céntrica rúa.”
Por outra banda, en relación coa situación do concello, o sector do comercio demanda unha maior promoción turística do Concello, unha axenda cultural e oferta de lecer, actuacións cara a mocidade e a dotación dunha zona comercial que favoreza a creación de emprego. Todas estas cuestións son destacadas como causas da negativa tendencia do noso concello, e resulta evidente que actuacións nestes ámbitos beneficiarían o comercio local.
O BNG de Marín presentou unha moción en maio de 2020, aprobada no Pleno da Corporación, con medidas concretas de apoio ao comercio, como unha Axenda Cultural, campañas, mellora da mobilidade e formación, mais sen aplicación por parte do Goberno local desde entón. Esta mesma semana a Portavoz municipal do BNG de Marín solicitou na comisión de comercio, novamente, máis campañas de apoio ao comercio local ao longo do ano.
Lucía Santos remata afirmando que desde o BNG de Marín “solicitamos ao Concello de Marín un compromiso firme e decidido co comercio local. E seguiremos nesta liña de apoio ao comercio local, trasladando propostas e ideas, demandando do goberno local a posta en marcha de campañas innovadoras e atractivas, que fagan que os marinenses aposten polo comercio local, e a inxección de máis recursos económicos dirixido a beneficiar un sector que resulta crucial para Marín.”
Xa por último, informar que a campaña “Pensar Marín” terá continuidade nos vindeiros meses co contacto con outros axentes sociais e coa veciñanza do noso concello, do que informaremos proximamente.