O BNG aposta por un ensino público de calidade

53588149_1643533429126818_4528469871721185280_n

Lucía Santos anuncia que o BNG “iniciará unha rolda de contactos coas equipas directivas e coas ANPAS dos centros públicos de ensino do noso concello, para manifestar o apoio do BNG ao ensino público e coñecer de primeira man as principais necesidades dun servizo público esencial”.

O BNG aposta por un ensino público de calidade

No pasado mes de decembro o BNG de Marín lanzou a campaña “Pensar Marín”. O noso concello atópase inmerso nunha preocupante tendencia, que se reflicte na perda de poboación rexistrada desde o ano 2011, coincidindo coa chegada ao goberno municipal do PP de María Ramallo. Nesta década Marín perdeu 1.749 habitantes (- 6,73%), pasando de ser o concello con máis poboación da comarca do Morrazo a ver como Cangas nos supera en 2.460 habitantes.

A Portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirma que “ante a nefasta xestión do goberno municipal do PP e a súa parálise e absoluta incapacidade na procura de solucións, no BNG decidimos mover ficha e iniciar un proceso de reflexión colectiva para analizar as causas desta tendencia tan negativa de cara a reverter a situación convertendo Marín nun concello dinámico e vivo”.

Tras a primeira fase de contacto co comercio local, o BNG inicia unha nova fase da campaña “Pensar Marín” cun achegamento ao ensino. Lucía Santos informa que “nos vindeiros días iniciaremos unha rolda de contactos coas equipas directivas e coas ANPAS dos centros públicos de ensino do noso concello, para manifestar o inequívoco apoio do BNG a un servizo público esencial e por outra banda coñecer de primeira man as principais necesidades, demandas, queixas e suxerencias da comunidade educativa.”

Lucía Santos lembra que “o BNG ve con moita preocupación a política educativa da Xunta, en mans do PP, e ven denunciando constantemente os recortes que o goberno de Feijóo ven aplicando nos últimos anos no ensino público.”

A Portavoz municipal do BNG de Marín salienta que “con este achegamento á comunidade educativa o BNG de Marín continúa na liña de contacto permanente coa veciñanza, de cara a coñecer o sentir do pobo de Marín e poder recoller todas as achegas e suxerencias para dar resposta entre todos e todas ás necesidades e desafíos que presenta o noso concello, que á vista está que non son menores.”

 

O BNG aposta por un ensino público de calidade