NO CENTENARIO DA ALIANZA MARIÑEIRA DE MARÍN, por Celso Milleiro

Urbano Mallo Crespo
NO CENTENARIO DA ALIANZA MARIÑEIRA DE MARÍN, por Celso Milleiro

Alianza Mariñeira 6Neste ano que vivimos cúmprese o centenario da legalización da  “Unión de Pescadores La Alianza Marinera de Marín”.  En 1914 presentaba os seus estatutos perante a Goberno Civil de Pontevedra e como así redactaba o seu artigo nº1 tiña como obxectivo a defensa e o melloramento da condición dos pescadores mariñeiros de Marín . A súa actividade comeza en 1911 cando nomeou presidente a Alejandro de los Santos Zapatero. Non foi a primeira sociedade de mariñeiros que se fundara no concello dado que a finais do século XIX e comezos do XX formáronse varias agrupacións de pescadores. Mais en 1914 a Alianza Mariñeira de Marín era practicamente a única existente e contaba cun forte sentimento de clase, integrándose na Federación Obreira local pertencente á UGT.

Isto provocaría un dos feitos máis importante, e a súa vez menos coñecido, da historia de Marín, ao tratar a patronal (armadores e conserveiros) dividir a sociedade. Cuestión que lograría ás semanas da súa legalización e que daría lugar á folga máis forte e duradeira que ten sufrido o concello, a de 1915. Desde bloqueos, bombas, disparos, detencións, xuízos...mesmo unha advertencia de última hora por parte dunha canoneira da mariña de facer fogo na vila; todo isto forma parte do pasado esquecido de Marín. Ao final, como todo, lograría reconducirse a situación aínda que o daquela presidente da Alianza, José Hervés Hermo, tivera que pasar antes por prisión.

Tamén xogaría un papel fundamental na loita pola lonxa pública de Marín en 1922 e en 1923, co apoio das Federacións Obreira e Agraria e da Sociedade de Comerciantes. O seu líder nesas datas, Román Landín Omil, participaría de forma activa para conseguir este obxectivo necesario para a prosperidade dos veciños e en concreto dos mariñeiros e familias.

Urbano Mallo Crespo

En 1924, xa na ditadura de Primo de Rivera, a Alianza entraría nunha crise que duraría varios anos que a conducirá a súa desaparición. Por motivos descoñecidos, Román Landín dimite ese mesmo ano, tomando as rendas Julián Rosales. Pouco estaría no cargo, sendo substituído  por Urbano Mallo Crespo, fillo dun dos líderes mariñeiros de Marín dos primeiros anos do século XX. En 1928, no ocaso da Alianza, Urbano achacaría á actitude dos propios mariñeiros e á ditadura como as principais causas da perda de influencia da Alianza nos pescadores.

En 1932 a propia Federación Obreira trataría de recuperala para facerlle fronte á CNT, mais foi en todo en van. En 1936 persoeiros como Urbano ou Román formaban parte da estrutura do Sindicato da Industria Pesqueira de Marín (SIP), federada ao anarcosindicalismo cenetista. Os dous foron perseguidos e acabarían en prisión cando a guerra civil.

Durante a vida da Alianza desenvolveu un traballo importante na mellora das condicións dos mariñeiros, mais tamén participou de maneira activa na oposición á instalación do Polígono de Tiro Naval en Marín, na campaña contra o pósito de pescadores, contra a pesca con dinamita, a prol do descanso dominical, a favor da erradicación dos aparellos de arrastre...

Tivo a súa sede na rúa Real, nunha casa propiedade de Antonio Blanco Porto.

Celso Milleiro Sánchez

NO CENTENARIO DA ALIANZA MARIÑEIRA DE MARÍN, por Celso Milleiro