O BNG solicita a restauración urxente do Parque dos Sentidos
Lucía Santos, manifesta que “o Parque dos Sentidos é unha zona verde urbana única, que atrae a centos de visitantes pola súa orixinalidade, mais debido á falta de mantemento apropiada, na actualidade as instalacións e a finca presentan un evidente estado de abandono.”
O emblemático Parque dos Sentidos de Marín, coñecido polas súa singularidade e valor histórico, afronta un estado de abandono alarmante que preocupou fondamente ao Bloque Nacionalista Galego (BNG). A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, destacou a urxente necesidade de abordar a situación e restaurar este espazo icónico tan apreciado pola comunidade local como polos visitantes.
O Parque dos Sentidos, unha finca de case 24.000 metros cadrados, coñecida como Granxa de Briz, e anteriormente Granxa do Priorado, é un lugar emblemático en Marín que alberga zonas de xogo infantís con espazos de descanso e un auditorio ao aire libre, creando así un importante espazo de lecer situado no centro da vila.
Actualmente, o parque enfronta unha serie de problemas evidentes que requiren atención inmediata:
-
As bancadas que forman parte do auditorio presentan madeiras en mal estado e numerosas baldosas rotas ou despegadas.
-
A varanda de acceso ao parque infantil está en estado deplorable, ao igual que as pasarelas de madeira e as vallas que indican cambios de nivel ao final do tobogán.
-
A madeira que cubre o chan na zona do estanque está rota e a auga do estanque sucia por falta de limpeza.
-
A zona do lavadoiro presenta un estado de abandono e sucidade invadida polas herbas.
-
O espazo adicado a plantas autóctonas presenta un estado lamentábel, con plantas totalmente secas por falta de rego e coidados, material danado como bancos, maceteiros ou paneis indicativos cheos de pintadas.
-
Restos de talas, na parte superior da finca, que levan moito tempo acumuladas, ofrecendo un claro aspecto de abandono.
-
A vexetación en toda a periferia da finca atópase nun estado de abandono ben pola falta de auga ou por falta de mantemento.
Lucía Santos subliñou que “é inaceptable que un espazo tan especial como o é o Parque dos Sentidos, un referente para uso e desfrute tanto para a nosa veciñanza como para as persoas que visitan o noso Concello, se atope neste estado de abandono debido á falta de mantemento”.
En resposta a esta situación, o BNG presentou unha moción que se discutirá no próximo pleno municipal, que ten como obxectivo:
-
Realizar unha restauración integral do Parque dos Sentidos para abordar os problemas mencionados.
-
Restituír o material danado e desgastado no parque.
-
Promocionar o parque mediante a colocación de sinalización adicional e a difusión nos medios de comunicación locais.
O Parque dos Sentidos de Marín é un tesouro compartido polas persoas habitantes e visitantes da cidade. A restauración e revitalización deste espazo emblemático non só beneficiaría á comunidade, senón que tamén contribuiría ao atractivo de Marín como destino turístico. O BNG insta ao goberno municipal a tomar medidas para salvar e preservar este valioso espazo.