O BNG lamenta o penoso estado do Muíño dos Pereiros

undefined

Lucía Santos solicita, ante a preocupación da veciñanza, dar traslado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do penoso estado no que se atopa o Muíño de Pereiros, no lugar de Coirados.

O BNG lamenta o penoso estado do Muíño dos Pereiros

O patrimonio arquitectónico é unha das maiores riquezas da humanidade polo gran valor etnográfico e cultural que representa, xa que é unha mostra da memoria, da vida tradicional e das relacións dun pobo e o seu desenrolo.

Marín posúe un rico patrimonio cun gran valor etnolóxico do que boa parte, a día de hoxe, está en estado de abandono como é o caso dos muíños do noso concello.

Nas pasadas semanas a veciñanza da parroquia de San Xulián trasladounos a súa preocupación ante as condicións nas que se atopa o muíño dos Pereiros, no lugar de Coirados.

É por isto que a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou ao goberno municipal dar traslado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do penoso estado no que se atopa este muíño.

Lucía Santos manifesta que “o muíño dos Pereiros atópase en estado ruinoso, xa que falta a estructura do tellado e pouco a pouco van desaparecendo pedras que formaban as paredes e a canle de auga, desfacendo así o pouco que queda do muíño.”

Aínda que conserva pezas da maquinaria como o pé e a moa, o muíño de auga está rodeado de maleza que dificultan o seu acceso. Este muíño está situado entre unhas hortas a poucos metros do lavadoiro de Coirados, ao paso do río Lameira e á marxe dereita da estrada EP-0019, polo que está ao carón do núcleo urbano.

A portavoz municipal do BNG fai fincapé na “importancia de preservar e conservar o noso patrimonio cultural, e concretamente de protexer e poñer en valor estas edificacións xa que forman parte da memoria do noso pobo, polo que deixalas abandonadas, facilitando o seu deterioro, é permitir a destrucción da nosa identidade.”

O BNG lamenta o penoso estado do Muíño dos Pereiros