O BNG critica a xestión económica do goberno do PP
Lucía Santos critica que o suplemento de crédito por valor de 945.000 euros aprobado polo PP “vai destinado a facer fronte a gastos correntes”, e engade que “esta modificación de crédito é unha mostra mais da improvisación do goberno municipal.”
O goberno do PP aprobou, no Pleno municipal celebrado este pasado xoves día 10 de agosto, un suplemento de crédito por valor de 945.000 euros.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, criticou esta decisión do goberno municipal xa que este suplemento de crédito “vai destinado a facer fronte a gastos correntes.”
Lucía Santos lembrou que en xaneiro deste mesmo ano, o concelleiro de facenda, Manuel Santos Costa, presentou os orzamentos municipais como “responsables e realistas, contas que conseguen cubrir os gastos correntes”.
A voceira do BNG manifesta que “novamente queda retratada a incompetencia do goberno de María Ramallo, xa que as partidas económicas presentadas para solicitar a modificación de crédito de 945.000 euros son de alumeado público, subministro de auga, alcantarillado, enerxía eléctrica das instalacións deportivas e mercados, entre outras.”
E hai datos que chaman a atención, xa que hai un incremento en gasto de enerxía eléctrica do 42,6%, cando “segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) o prezo da electricidade tivo unha reducción do 13,3% nos seis primeiros meses de 2023 e do 30,3% de xullo do 2022 a xuño do 2023”, en palabras de Lucía Santos.
Por outra banda, a modificación de crédito presentada polo PP indica un aumento de gasto nas partidas de promoción de actividades culturais e deportivas dun 633%. En varias ocasións durante o pleno Lucía Santos pediu información de a que se debía este enorme incremento ao concelleiro de facenda, mais non obtivo resposta.
A portavoz municipal do BNG indica que “esta modificación de crédito é unha mostra mais da improvisación do goberno municipal. Se hai uns meses presumían de bos xestores presentando uns orzamentos responsables e realistas, hoxe dan mostra do engano, xa que apenas medio ano despois hai que asumir gastos correntes do día a día co remanente de Tesourería, que finalmente redúcese dos anunciados 2,5 millóns de euros a 982.000 euros.”