O BNG celebra o cambio de opinión do goberno respecto á torre do reloxo
Lucía Santos manifesta o seu contento “aínda que a nosa moción non foi aprobada polo grupo do PP, é evidente que querer é poder, e o grupo de goberno buscou fonte de financiamento para a rehabilitación e posta en valor da Torre do Reloxo, que era o obxectivo principal da moción presentada polo BNG.”
No pleno municipal de xaneiro celebrado o pasado xoves día 11, o BNG trasladou unha moción para propoñer ao goberno municipal a solicitación dunha axuda da Xunta de Galicia a través dunha das convocatorias destinadas a concellos para realizar actuacións dedicadas a eliminar o impacto paisaxístico de edificios ou dependencias públicas, segundo anuncio do presidente Rueda e de publicación inmediata no presente mes de xaneiro.
A voceira do BNG, Lucía Santos, defendeu que o Concello de Marín debería aproveitar esta liña de axudas a través de dúas propostas.
-
A primeira proposta encamiñada a actuar en edificios ou dependencias municipios consistía en solicitar unha liña de axuda para a limpeza exterior e interior da Torre do Reloxo, así como a revisión de seguridade das escaleiras e substitución da carpintería metálica e da porta lateral de acceso por outra máis acorde á edificación. Entendíamos que unha axuda de 20.000 euros sumada a aportación municipal do 30%, podería encaixar nestes traballos.
-
A segunda proposta solicitaba actuar en bens do patrimonio etnográfico local, conforme a petición veciñais, actuando en melloras de aspecto e conservación mediante a rehabilitación do lavadoiro dos Bravos e da fonte de Coirados.
O goberno do PP non aceptou a proposta, xa que o concelleiro de urbanismo, Manuel Santos Costa, manifestou que a axuda de 20.000 euros sería insuficiente para a rehabilitación na Torre do Reloxo, indicando que esta actuación podería ascender a máis de 50.000 euros polo que a contía da axuda sería insuficiente.
Lucía Santos amosa a súa gran satisfacción despois do anuncio do goberno municipal de que se acadou a financiación, non a través do programa inicialmente anunciado pola Xunta de Galicia, xa que estaba limitado a concellos de menos de 20.000 habitantes segundo a publicación no Diario Oficial de Galicia do 15 de xaneiro, pero si a través dun programa de axudas da Consellaría de Cultura e, contra a previsión do concelleiro de urbanismo, a obra non chegará os 28.000 euros, en liña polo previsto polo grupo municipal do BNG.
Así mesmo, Lucía Santos traslada o seu convencemento de que o PP buscará financiamento para a posta en valor do Lavadoiro dos Bravos e a fonte de Coirados, xa que estas son actuacións necesarias polo estado que amosan e, ademais, son propostas da veciñanza do lugar, preocupados pola rehabilitación destes bens patrimoniais.
O grupo municipal do BNG manifesta o seu contento aínda que a súa moción non foi aprobada polo grupo do PP, mais é evidente que querer é poder, e o grupo de goberno buscou fonte de financiamento para a rehabilitación e posta en valor da Torre do Reloxo, que era o obxectivo principal da moción presentada polo BNG.