O BNG apoia os actos da Memoria Histórica

IMGP9325
IMGP9325

Desde o BNG manifestamos o noso apoio aos diferentes actos que vai desenvolver estes días a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.

O BNG apoia os actos da Memoria Histórica

Non deixa de ser un exercicio de dignidade e de cultura democrática lembrar os dramáticos acontecementos de hai máis de oitenta anos nos que varias ducias de veciñas e veciños de Marín perderon a vida e un segmento importante da nosa localidade sufría outros tipos de represión.

Unha sociedade que se denomina como democrática ten a obriga de dar homenaxe ás vítimas da represión franquista que só anhelaban vivir nun mundo máis xusto.

Aínda hai moito camiño que percorrer na plena normalización da Memoria colectiva: a anulación dos xuízos e condenas por tribunais ilegais (como o que sentenciou a morte ao alcalde de Marín Antonio Blanco Solla), exhumación de restos das vítimas soterradas en foxas comúns, a supresión de simboloxía (moitas das cales aínda fican en Marín, como placas co nome de Barriada de Salvador Moreno nas Favarizas, ou co nome de Calvo Sotelo ao inicio da rúa na Alameda, por exemplo; a supresión dos nomes das rúas Exército e Mariña e a do Polígono de Tiro Naval Janer, etc).

Por último, o BNG de Marín solicita que se inicie inmediatamente o estudo para a expropiación como Ben Público no prazo máis curto de tempo do Pazo de Meirás, así como dos predios aos seus donos lexítimos.

- Xoves 14 de setembro ás 20:30 h. Casa de Cultura de Seixo. Conferencia de Marcos Gago Otero. "Persecución contra os protestantes na guerra civil e no franquismo".

- Venres 15 de setembro ás 20:00 h. Biblioteca Pública Municipal "Vidal Pazos". Presentación do libro "Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron".

- Domingo 17 de setembro ás 13:00 h. Pozo da Revolta - Bagüín (lugar de memoria). Intervención de representantes das Igrexas Evanxélicas de Seixo e Marín. Ofrenda floral. Actuación musical: "Os amigos gaiteiros".

Desde o BNG animamos ao pobo de Marín a que asista a estes actos que nos dignifica como persoas humanas e de loita contra a impunidade do franquismo.

O BNG apoia os actos da Memoria Histórica