Inventario toponímico de Marín

30738529_10211898304754297_8023957262160625664_n
Toponimia de Marín

O BNG presenta unha moción na que se solicita un traballo serio, rigoroso e profesional para a recuperación da toponimia do Concello de Marín.

Inventario toponímico de Marín

Recentemente polos medios de comunicación fomos quen de coñecer unha iniciativa de recuperación de microtoponimia municipal. Desde o Bloque Nacionalista Galego consideramos positiva a recollida da toponimia do rural e apoiamos o xesto, mais consideramos que a maneira de facelo non é o axeitado.

O propio concelleiro esquece que o seu labor é deseñar e ditar criterios políticos, usurpando unha función que non lle corresponde: a científica. Existe hoxe en día persoas preparadas e capacitadas para desenvolver este traballo, de seguro que no Concello podemos atopar Licenciados/as ou Graduados/as en Filoloxía Galega en paro que realizarían un traballo idóneo e serio.

Os nomes dos lugares forman parte do Patrimonio Inmaterial de Galiza, polo que é un deber institucional preservar ese legado, tendo en conta que o territorio galego conta cunha riqueza moi importante, se cadra a máis interesante de toda a Europa, dado que Galiza ofrece por si mesma o 50% dos nomes de lugares de todo o Estado Español.

Os cambios socioeconómicos que experimenta o rural leva consigo a desaparición de moitos nomes polo que cómpre recollelos canto antes. As propias institucións galegas son conscientes desta circunstancia polo que, grazas aos traballos topográficos e cartográficos realizados polas administracións públicas, a microtoponimia recollida está sendo remitida ao SITGA, como así establece o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

A Lei 3 / 1983, de normalización lingüística, recolle no artigo 10.2 que os nomes das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente, mais que aqueles topónimos que non sexan os nomes oficiais dos concellos e das súas capitais, das parroquias e das comarcas quedaran ao amparo do que se fixe por Orde da Consellaría de Presidencia.

Evidentemente, todo este labor tense que facer de maneira seria, con profesionais coñecedores da materia e cos recursos pertinentes. Por iso o Decreto 132/84 do 6 de setembro no artigo 2.3. deixa como preceptivo o ditame da Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 43/84 do 23 de marzo para dar unha validez legal e formal os nomes das vías urbanas.

As formas coas que actúa o Concello de Marín non son científicas pois procurar a forma correcta de escribir o topónimo, deturpado moitas veces pola fala, precisa de ter uns coñecementos acerca das súas orixes etimolóxicas. O caso como o de Gagán / Xaxán é un claro exemplo das dificultades existentes para coñecer a forma axeitada, polo que a Concellaría do Rural debe estar debidamente asesorada con expertos na materia.

Por outra banda, temos a sorte de que Marín conte cun dos primeiros traballos de recolleita toponímica na Galiza, a realizada Elixio Rivas Quintas, titulado Toponimia de Marín e publicado pola Universidade de Santiago de Compostela en 1982, no que catalogou e estudou moitos dos nomes do noso termo municipal. Polo que se ten un primeiro documento co que empezar.

Os nomes do mar, o que se coñece como talasonimia, debería ser tamén recollido neste traballo de oficialización da nosa toponimia municipal. Estes corren o risco de desaparecer a medida que imos perdendo contacto co traballo no mar, pois nin sequera foi recollido polo egrexio Elixio Rivas.

Por tanto, non se pode oficializar a microtoponimia cunha simple recollida de nomes, hai exemplos como os proxectos desenvolvidos por concellos como Pontevedra e Vigo onde a Concellaría do Medio Rural podería basearse.

Por todo isto, SOLICITAMOS

 

  1. A contratación dunha persoa Licenciada / Graduada en Filoloxía Galega con formación en recollida de toponimia para a recolleita da microtoponimia municipal.

  2. Que a persoa especialista, xunto co Concelleiro do Rural, consulten información medieval (TEMILGA e cartularios variados) e o Catastro de Ensenada (Arquivo Provincial de Pontevedra) que non chegara a realizar Elixio Rivas. Ademais, o/a técnico/a especialista, xunto co Concelleiro do Rural, deben xeolocalizar na rede cada microtopónimo cun programa de Google Maps que hai expreso para isto.

  3. Que se teña en conta o rescate de topónimos desaparecidos pola urbanización recente ou fosilizados en calellas e ruelas. Tampouco se pode esquecer a necesaria clasificación dos topónimos e o estudo da súa etimoloxía con bibliografía especializada.

  4. O contacto cos responsables do Proxecto Toponimia de Galicia da Xunta de Galicia e con expertos do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (algúns deles profesores da Universidade de Vigo como Gonzalo Navaza e Antón Palacio).

  5. Que a devandita recolleita sexa exposta nas parroquias para corrixir erros, así como ampliar algúns que vaian aparecendo.

  6. Que no proxecto se recolla a talasonimia da costa de Marín.

  7. O traslado do traballo recollido á Comisión de Toponimia da Xunta de Galiza para validar o proceso.

  8. A creación dun Rexistro ou Inventario Municipal de Toponimia Marinense no que se lle dea un uso legal e oficial a toda a toponimia do termo municipal de Marín.

  9. O Concello de Marín debe preparar un mapa grande ou ben enteiro ou ben por parroquias para o coñecemento do pobo (colocar en panaderías, bares, comercios, centros de ensino, etc.).

Inventario toponímico de Marín