O BNG solicita medidas para abaratar o prezo da electricidade

O espolio da nosa enerxía saenos moi caro
O espolio da nosa enerxía saenos moi caro

O BNG solicitá no vindeiro Pleno a aprobación dunha moción que inclúe varias medidas para abaratar o o prezo da enerxía no noso país, entre as que están a redución do IVE sobre a electricidade do 21% ao 4% e a Tarifa Eléctrica Galega. Estas medidas abaratarían o prezo da electricidade tanto para os fogares como para as empresas.

O BNG solicita medidas para abaratar o prezo da electricidade

O nacionalismo galego defende que a enerxía debe ser entendida como un ben público e a política enerxética debe desenvolverse en base a esta consideración, superando a concepción actual como unha mera mercadoría legalizada polos gobernos centrais de PP e PSOE. Do mesmo xeito, o subministro de enerxía debe ter a concepción de servizo público e o seu acceso debe ser un dereito garantido para todas as persoas por riba dos intereses económicos do oligopolio eléctrico. Porén, na actualidade, o sistema funciona en liñas totalmente contrarias a estes principios, favorecendo un prezo final da enerxía eléctrica imposíbel de soportar para moitos fogares e tamén para o tecido económico e produtivo de Galiza.

Un factor fundamental é que o actual sistema de xeración de prezos é totalmente opaco e inxusto. Mediante un mecanismo de poxa o prezo final da electricidade no mercado maiorista vén determinado polo prezo da última oferta en ser aceptada. Isto significa que posto que existen tecnoloxías que producen a uns custos moi diferentes, acabe marcando o prezo de forma habitual unha das tecnoloxías máis caras. Isto dá como resultado que se xeren os coñecidos no propio sector como “beneficios chovidos do ceo”, especialmente no caso de tecnoloxías case ou totalmente amortizadas, como sucede coas hidroeléctricas e a enerxía nuclear. Por poñer un exemplo, no último ano completo (2017) as tres maiores compañías eléctricas que operan no Estado español (Iberdrola, Endesa e a actual Naturgy) obtiveron uns beneficios 5.627 millóns de euros, un 3% más que no exercicio anterior malia que 2017 foi un ano de seca que impactou de forma negativa en termos hidrolóxicos.  

Por outra banda, hai que engadir que a electricidade ten unha fiscalidade absolutamente disparatada e excesiva, o que tamén incrementa o prezo final. Por exemplo, o prezo da electricidade ademais de ter diferentes impostos que se solapan, atópase no tramo mais elevado do IVE, no 21%, sendo un dos máis altos de Europa ao tempo que cuestións non básicas como as touradas ou un coche de luxo teñen un gravame menor. A única razón para que o IVE non se reduza é o afán de recadación do Estado.

Cómpre ter en conta tamén que Galiza tivo e ten un papel de produtor de enerxía que non foi escollido polos galegos e galegas, senón que é consecuencia dunha cadea de decisións alleas, moitas delas do período da ditadura franquista, e do que non obtemos compensación. Nesa función imposta de país produtor, xeramos enerxía para o consumo doutros territorios do Estado español, exportando unha media dun 35% de electricidade. Mentres outros territorios aforran os custos do impacto social e ambiental que sufrimos nós, Galiza non obtén ningún beneficio. Isto obedece a un deseño centralista do Estado español que, mentres nos adxudicaba ese papel, reservaba para outros lugares ser o centro da industrialización e do desenvolvemento económico.

Con este modelo, mentres Estado e eléctricas aumentan os seus beneficios e Galiza exporta enerxía, no noso país hai máis de 442.000 persoas que declaran non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada e a taxa de risco da pobreza incrementou nun 12,15% dende o 2009. Para combater a dificultade que supón o acceso á enerxía non son suficientes nin o bono social do Estado nin o tícket eléctrico da Xunta de Galiza, que chegan a unha porcentaxe moi reducida da poboación.

Non é de recibo que por riba de non beneficiármonos de producir, grazas ás políticas enerxéticas do Partido Popular, Galiza vaia pagar a factura máis cara do Estado. A posibilidade de introducir suplementos territoriais na tarifa eléctrica xa figuraba na Lei do Sector Eléctrico do ano 1997 e na vixente de 2013. Porén, foi a aprobación do Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria de Rajoy o que converteu o que a Lei recollia como posibilidade en obrigatorio para o 2013. Resultado disto as eléctricas recorreron e o Tribunal Supremo deulles a razón en distintas sentenzas. Como resultado, vaise repercutir o recadado en varios impostos nas facturas dos galegos e galegas para recadar arredor de 38 millóns de euros. Isto é un absoluto disparate, quen produce paga máis que quen non e as galegas e galegos imos recibir o tarifazo máis grande do Estado. 

Desde o BNG defendemos que que Galiza ten dereito a controlar os seus recursos enerxéticos e para iso é fundamental poñer fin a esta situación de explotación colonial e reclamar capacidade normativa para poder tomar as decisións referentes a todos os aspectos do desenvolvemento enerxético. En canto a falta de soberanía política non nos permita desenvolver unha política enerxética propia en todos os aspectos, si é posíbel avanzar progresivamente para estabelecer medidas que compensen tantos anos de espolio sen recibir nada a cambio. Son decisións políticas que debemos tomar para corrixir un agravio histórico e por xustiza social.

Por todas estas cuestións, é imperativo demandar cambios inmediatos na regulación eléctrica para que a electricidade sexa un servizo básico e estean cubertas as necesidades sociais e económicas dun país coma o noso, tendo en conta que a xeración eléctrica leva aparellados elevados custos sociais e medioambientais que deben sernos compensarnos.

Neste sentido, unha tarifa eléctrica galega que abarate vía peaxes o prezo final da enerxía no noso país axudaría a democratizar o acceso á enerxía para todas as persoas e, asemade, contribuiría a asentar o tecido industrial e económico do país, frear a deslocalización e evitar a nosa desindustrialización.

Por iso, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte:

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a demandar do Goberno Central

  1. A inmediata redución do Imposto de Valor Engadido sobre a Electricidade do 21% ao 4%.
  2. Que exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses do tecido social e económico galego, correspondendo ao goberno do Estado asumir os custos que poida ocasionar a aplicación das sentenzas.
  3. Modificar a Lei 24/2013, de 26 de decembro, do Sector Eléctrico de forma que se permita a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega que Galiza poida beneficiarse, pola súa condición de nación produtora de enerxía eléctrica, de peaxes máis baixas que permitan un abaratamento para os consumos domésticos e empresariais en compensación por soportar os custos sociais e medioambientais das instalacións de produción.
O BNG solicita medidas para abaratar o prezo da electricidade