Vermú Pola Lingua: Rebélate, fala galego

Vermú Pola Lingua
Vermú Pola Lingua

O domingo 20 de maio ás 12:30h Galiza Nova O Morrazo, en colaboración co BNG de Marín, organiza un concerto vermú na praza da Veiguiña de Marín.

Vermú Pola Lingua: Rebélate, fala galego

O próximo domingo día 20 de maio ás 12:30h na praza da Veiguiña de Marín, terá lugar un concerto vermú organizado por Galiza Nova O Morrazo en conxunto co BNG de Marín. Neste concerto pola lingua galega contaremos coa presenza do grupo moañés The Lelly Kelly´s, un grupo de Rock and Roll en galego que fará que todas as asistentes bailen e desfruten da xornada.

Este vermú pola lingua galega está enmarcado dentro da campaña de lingua de Galiza Nova “Rebélate, fala galego” coa que pretendemos levar o noso idioma a todas as capas da nosa sociedade, facendo fincapé na necesidade de que a xente nova use o noso idioma como lingua vehicular para o seu día a día. O galego é a nosa lingua, riqueza inmaterial do noso povo. Dende Galiza Nova, coa campaña “Rebélate, fala galego”, organizamos por todos o país distintas actividades para reivindicar o uso do noso idioma e tamén para combater frontalmente os ataques que o galego segue a padecer por parte da Xunta de Galiza e do goberno do estado español. A asemblea comarcal de Galiza Nova o Morrazo así como o BNG do Morrazo demandamos unha política lingüística adecuada para o noso país, que non ataque ao noso idioma e que facilite que a nosa mocidade viva en galego.