O PP non aposta pola Feira do Libro

Feira do Libro de Marín (Foto Faro de Vigo)
Feira do Libro de Marín (Foto Faro de Vigo)

O Goberno municipal négase a colaborar na organización da Feira do Libro de Marín debido aos seus "elevados custes".

O PP non aposta pola Feira do Libro

A comezos do mes de abril o BNG de Marín foi coñecedor dunha proposta trasladada previamente ao goberno municipal para voltar organizar este ano unha Feira do Libro no noso Concello.

A proposta solicitaba a colaboración do Concello para poder levala a cabo, pois a organización dun evento deste tipo conleva unha serie de custes que sen a axuda do Concello é imposíbel de asumir por parte das persoas e/ou entidades organizadoras.

Segundo a información que recibimos a resposta do goberno municipal foi negativa, xustificando a súa decisión nos “elevados custes” que a organización dunha Feira do Libro conleva.

No Pleno do pasado mes de abril a Concelleira do BNG Lucía Santos preguntou se esta información era correcta e cales eran os motivos que levaban á Concellaría de Cultura a non apoiar un evento cultural e comercial desta envergadura.

A resposta do grupo popular, por boca da alcaldesa María Ramallo, confirmou a información da que dispoñiamos alegando que o custe que tiña que asumir o Concello resultaba moi elevado pola colocación de casetas e polo material que había que proporcionar.

Desde o BNG de Marín queremos rexeitar a actitude do Goberno Municipal de María Ramallo perante a proposta de voltar organizar unha Feira do Libro en Marín. Resulta moi chamativo ver como o Concello concede cartos a moreas a outro tipo de  actos e négase a colaborar cun evento cultural tan interesante como unha Feira do Libro, que por outra banda suporía un importante elemento dinamizador social e económico na nosa vila.

Un goberno municipal debe apostar de xeito decidido pola cultura. A promoción de actividades culturais é un ben en si mesmo que eleva unha sociedade e enriquece aos seus membros, o fomento da lectura un principio que debera guiar a acción de calquera goberno, e o impulso do dinamismo social e económico dun concello elemento básico da política económica dun goberno municipal, e máis se cadra en Marín, dada a evidente necesidade de inxección de estímulos na nosa vila.

O BNG quere manifestar o apoio da nosa organización ás persoas que tiveron a iniciativa de tratar de organizar este ano a Feira. Polo que se ve a Cultura e o Saber non son obxectivos do goberno do PP, preferindo investir os cartos dos/as marinenses noutros eventos, algúns deles de dubidosa reputación e limitado impacto social e económico.