O BNG traslada a necesidade de elaboración dun plan de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos de Marín

José Souto, concelleiro do BNG de Marín
José Souto, concelleiro do BNG de Marín

José L. Souto indica que na actualidade o concello tan só se conta con dúas persoas para o mantemento de espazos verdes, o que está dando como resultado a contratación continua de empresas externas, e coa vista posta na privatización do servizo de mantemento de zonas verdes.

O BNG traslada a necesidade de elaboración dun plan de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos de Marín

O BNG presenta unha moción ao pleno que se celebrará este xoves 14 de marzo, para solicitar a creación dun plan xeral de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos do Concello de Marín.

José Luís Souto, concelleiro do BNG, expresa que o obxectivo desta proposta é consolidar e mellorar a infraestrutura verde municipal nos seus parques e xardíns, nos espazos verdes libres e nos novos espazos paisaxísticos a desenrolar, creando unha rede natural de intercomunicación social co medio natural e ambiental, optimizando o gasto e obtendo o mellor resultado posible.

O concelleiro do BNG indica que é necesario ter unha folla de ruta, unha análise profunda dos condicionantes claros, para poder así acertar no criterio e na toma de decisións que repercuten nun gasto necesario pero creemos que mellorable na súa eficiencia.

En xeral, a estrutura verde do concello ten dous acometidos claros iniciais que son:

Primeiro. A corrección medioambiental da urbe coa limpeza da contaminación do aire, facendo fincapé no CO2 xerado polos vehículos, que polo deseño e evolución de Marín é moi alto, practicamente todo está a carón dunha estrada ou vial entre edificios, e con moito tránsito, como poden ser a Avda de Ourense, Concepción Arenal, Ezequiel Massoni, Jaime Janer ou Doutor Ulloa en Seixo.

Segundo. Mellora e evolución da rede natural de Marín. Realizar un estudo das diferentes zonas verdes que ten como activo o Concello, tanto creadas como naturais, para poder analizalas e facelas evolucionar, mantendo e creando espazos sostibles diversos, que sirvan á veciñanza para ocio e desfrute do uso público, cun claro compoñente de calidade de vida, e que ao mesmo tempo, mellore e potencie Marín para resultar máis atractivo de cara a nova veciñanza.

Para este proceso é necesario facer un estudo segundo a zona á que vai dirixido e mellorar nunha serie de puntos como é a insuficiencia de persoal para os labores mínimos de mantemento do termo municipal. Na actualidade o concello tan só se conta con dúas persoas, o que está dando como resultado a contratación continua de empresas externas, e coa vista posta na privatización do servizo de mantemento de zonas verdes.

Segundo José L. Souto, outro dos aspectos a mellorar é a eficiencia no gasto en planta de temporada. Lévase trece anualidades facendo macizos de planta de temporada en diferentes xardineiras e parterres, gastando, plantando e tirando a planta despois da temporada, polo que pódese mellorar o resultado cun coste ou inversión inferior.

O criterio no deseño das novas zonas verdes e monocultivos. Seguindo na mesma liña pragmática do uso da planta de temporada polo goberno municipal, séguese facendo monocultivos ornamentais fixos, o que resulta irreversible, xa que as poucas posibilidades de crear novas paisaxes e espazos creativos anúlanse.

Por outra banda, son árbores de folla caduca, que sumados aos que xa son maioría no Concello, conleva un maior mantemento en recollida de follas, e un período invernal sen copa verde nunha zona de chan de plaqueta prefabricada ou formigón, resultando nula a naturalización nunha parte importante do ano.

Outro dos aspectos a mellorar son os alcorques feitos no formigón e plantados no xabre compactado no que as raíces terán dificultades para sobrevivir, chegando a rebentar o chan. Ou plantacións ilóxicas segundo o seu crecemento, como árbores de copa nos arcéns das estradas.

Por todo isto, o BNG solicita a elaboración dun plan xeral integral da xestion e organización dos recursos naturais e paisaxísticos do Concello de Marín, e unificar e xestionar da mellor forma o gasto en persoal, materiais e resultados a curto, e sobre todo, a longo prazo, dando o valor que merece o medio ambiente, pensando no uso e desfrute dunha infraestrutura verde, coidada, para o uso e desfrute da veciñanza.

O BNG traslada a necesidade de elaboración dun plan de xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos de Marín