Maios: En contestación ao artigo publicado polo Faro de Vigo o 2 e marzo por Manuel Torres.

Lucía Santos Omil, concelleira do BNG
Lucía Santos Omil, concelleira do BNG

Non estaría mal que antes de redactar ese artigo se informase un chisco sobre o traballo realizado polo BNG para a confección da proposta na que colaboraron persoas expertas nos Maios, que mesmo participaron na recuperación da festa noutros lares.

Maios: En contestación ao artigo publicado polo Faro de Vigo o 2 e marzo por Manuel Torres.

Despois de ler o seu artigo criticando ao BNG pola presentación dunha proposta de revitalización das Festas dos Maios de Marín quedeime coa impresión de que vostede, señor Torres, ou ben non se decatou ou non se quere decatar do que vai a moción. Non estaría mal que antes de redactar ese artigo se informase un chisco sobre o traballo realizado polo BNG para a confección da proposta na que colaboraron persoas expertas nos Maios, que mesmo participaron na recuperación da festa noutros lares. Contactamos con persoas da Directiva do Ateneo, propoñendo darlle voz no Pleno á Asociación se o PP se dignaba a presentala para o seu debate. Como ben lle explicamos ao seu Presidente a crítica que realizamos vai dirixida ao Concello porque desde a nosa óptica hai un problema político, pois entendemos que as institucións públicas teñen a obriga de velar polo patrimonio e non deixar soas ás asociacións que realizan un bo traballo, dentro das súas posibilidades, como o Ateneo ou Ronsel en Seixo.

Non ten porque estar de acordo vostede nesta percepción, mais é unha opinión lexítima dunha forza política. En ningún caso, señor Torres, o BNG fixo unha crítica ao Ateneo. Como xa lle manifestamos ao seu Presidente desde a nosa organización valoramos o traballo que realiza e realizou o Ateneo ao longo da súa historia, mais o que vostede non pode negar é que a Festa vai a menos.

Por último, observo no seu artigo un comportamento caprichoso e ideolóxico, porque sen lugar a dúbidas en Marín sabemos perfectamente que a Festa está practicamente na UCI e non por responsabilidades do Ateneo ou Ronsel senón pola falla de implicación política do Partido Popular baseada unicamente en que os demais lle fagan o traballo, por mor dunha falta de proxecto político cultural no concello de Marín. É certo que cando tivemos a ocasión se poido facer as cousas mellor, non o negamos e aceptamos a crítica, mais tamén está claro que agora somos oposición e o noso traballo e o que nos pide o pobo é presentar propostas fiscalizando a labor do goberno municipal do PP.

Se vostede sinceramente está preocupado pola Festa dos Maios non estaría mal que mirasen de xeito construtivo a moción do BNG porque o único que hai detrás da mesma é protexer este patrimonio inmaterial galego. Como organización política temos o deber de velar polo mantemento do patrimonio cultural e por iso presentamos a proposta, pois non traballamos só en campañas municipais senón que levamos toda a lexislatura presentando iniciativas. Se ten algunha dúbida non teño o mais mínimo problema en mostrarlle o traballo realizado con iniciativas construtivas para a mellora da nosa cultura. Por certo, tamén participei dos maios, como nai, facendo partícipe aos meus fillos durante moitos anos desta festa tradicional. Un saúdo.