O BNG solicita a corrección de erros na información que sobre Marín ofrece o portal Terras de Pontevedra

O portal Terras de Pontevedra ofrece información imprecisa ou inexacta que non axuda a quen procura información do noso Concello.

O BNG solicita a corrección de erros na información que sobre Marín ofrece o portal Terras de Pontevedra

O pasado 6 de agosto, un coñecido veciño de Marín publicou un artigo nun xornal no que alertaba da existencia de numerosos erros na información que sobre o noso Concello ofrece o portal Terras de Pontevedra.

Terras de Pontevedra “é unha mancomunidade turística que ten como obxectivo poñer en valor, mellorar a oferta complementaria e aumentar a calidade dos recursos turísticos dos concellos de Pontevedra, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, , Ponte Caldelas, e Vilaboa.”

Textos misturando galego e castelán e diferentes imprecisións ou inexactitudes fan que a información ofrecida non sexa a máis recomendábel que ofrecer ás persoas que pretenden visitar o noso Concello.

Entre os erros e inexactitudes que se destacaban no mencionado artigo atopamos algúns como que na praza da Veiguiña cada xoves ten lugar un mercado de verduras, que a igrexa vella foi construida no século XXII e que está situada na praza da Veiguiña, que en Marín temos un río chamado “Barrizal”...

No pasado Pleno celebrado o mércores 8 agosto, a Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, recolleu esta queixa e solicitou que o grupo de goberno reclame a corrección de todas estas imprecisións e erros, que non axudan a quen procura obter información sobre o noso Concello.

O grupo de goberno do PP, e concretamente a concellaría de Turismo, é o responsábel de levar a cabo unha promoción turística axeitada do noso Concello en todo tipo de ámbitos, cunha información veraz e precisa. Á vista está que neste caso non se prestou a debida atención.