O BNG propón Un Novo Marín para Vivir

Lucía Santos afirma que “o BNG aposta por un modelo urbano e accesible, cun crecemento harmónico, co obxectivo de crear lugares agradables para vivir, humanizados e de mellor calidade.”

O BNG propón Un Novo Marín para Vivir

O urbanismo é un dos eixos fundamentais para o progreso social e económico dun concello, por iso Lucía Santos, candidata á alcaldía de Marín, afirma que “o BNG aposta por un modelo urbano e accesible, cun crecemento harmónico, co obxectivo de crear lugares agradables para vivir, humanizados e de mellor calidade.”

Santos manifesta que “Marín ten moitas potencialidades que aproveitar. O obxectivo principal será asentar un concello para vivir, levando para iso a termo unha política urbanística sostible que garanta o equilibrio territorial, o desenvolvemento urbanístico racional e a protección do ambiente e a paisaxe a través do desenvolvemento do PXOM, abrir o espazo ao mar para mellorar a relación da vila co mar e apostando pola mobilidade sostible.”

A realidade física e social mudou moito desde a aprobación da normativa urbanística en Marín. Lucía Santos afirma que “Gobernar é transformar e por iso o BNG asume o obxectivo de acompasar esas mudanzas cunha nova planificación territorial e urbanística.”

O BNG propón unha batería de propostas para construír un Marín cun alto nivel de calidade de vida.

Urbanismo circular

1. Revisión da Estratexia de Actuación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e a súa adaptación á realidade actual do Concello e á lexislación de rango superior aprobada con posterioridade a súa entrada en vigor.

2. Reforma normativa do PXOM, en colaboración cos cambios na normativa de habitabilidade de Galicia, para facilitar o cambio de uso de baixos comerciais a vivendas co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais, oficinas e entrechans abandonados ou sen actividade, en contornas urbanas.

3. Promoción dos Plans de Protección Integral dos Cascos Vellos de Marín-Banda do Río e Cantodarea e analizar a viabilidade de crear coa Xunta de Galicia (Instituto Galego de Vivenda e Solo - IGVS) un Consorcio para os cascos vellos.

4. Propor a estudo unha ordenanza municipal de Inspección Técnica de Edificacións.

5. Elaboración, no marco do plan urbanístico, de programas de vivendas de protección oficial a través de concertos co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

6. Análise coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dun convenio para a recuperación dos diversos usos sociais das antigas vivendas do profesorado cos CEIPS de A Laxe, Carballal e O Sequelo.

7. Promoción da rehabilitación de vivenda en contraposición á demolición.

8. Transmisión de información e asesoramento en relación coas liñas de apoio doutras administracións para a adquisición, alugueiro, rehabilitación, construción e mellora de vivenda.

9. Potenciar a oficina técnica que xestiona a Area de Rehabilitación Integral (ARI) que comezou no 2009.

10. Recuperación para o Patrimonio Municipal de edificios con valor histórico en proceso de degradación continua ou abandono para uso sociocultural e/ou administrativo como poden ser: E2 Casa das Fontenla, E6 Edificio Baladrón-Méndez Núñez, E15 Xardíns e Vila José (para a súa anexión á Granxa de Briz/Parque dos Sentidos), E18 Casa Grande de San Pedro da Raña, E19 Pazo da Brea, E27 Casa Rectoral de O Campo, E32 Pazo de Cadro…

11. Potenciación urbanística en Loira, como núcleo de litoral mariñeiro e, polo tanto, de especial de protección, mediante un plan de axudas económicas para a rehabilitación e protección das casas e do patrimonio arquitectónico do núcleo costeiro.

12. Desenvolvemento e mellora das redes de saneamento municipais, con separación das pluviais.

Exteriores, zonas verdes e paisaxístico

1. Desenvolvemento dun Plan plurianual de paisaxismo urbano adaptado ás necesidades da veciñanza.

2. Humanización e integración dos barrios.

3. Implantación de medidas de supresión e/ou minoración dos impactos paisaxísticos e dos riscos para a saúde causados polas liñas de subministro de enerxía eléctrica, soterrando as liñas de media e baixa tensión sempre que sexa posible.

4. Deseño e reorganización de espazos públicos no casco urbano e rural aplicando criterios que promovan a autonomía e seguridade das persoas.

5. Intervención no Parque Azul de Cantodarea para facelo máis atractivo para a veciñanza. Mellora da sinalización, limpeza e iluminación do acceso.

O BNG propón Un Novo Marín para Vivir