O BNG aposta pola recuperación dos bens inmóbeis municipais

Bens Inmóbeis
Bens Inmóbeis

A conservación do Patrimonio forma parte dos eixos fundamentais do proxecto de Goberno do BNG en Marín. Desde o BNG propoñemos un Plan de Recuperación de Bens Inmóbeis de Marín.

O BNG aposta pola recuperación dos bens inmóbeis municipais

A conservación do Patrimonio forma parte dos eixos fundamentais do proxecto de Goberno do BNG en Marín. De xeito especial preocúpanos o deterioro dos bens inmóbeis espallados polo termo municipal. Nos últimos anos vemos como perdemos edificacións antigas sen que por parte do Concello se faga algo ao respecto. Hai unha serie de edificacións que consideremos prioritarias algún tipo de actuación política, como a Casa das Fontenla (Rúa do Sol), Reitoral do Campo na que proxectamos facer un Museo Etnográfico, Casa-Almacén de Loira, Pazo de Cadro ou Edificio de Pais e xa non digamos do estado lamentábel da Casa da Raña.

Por parte do actual Goberno Municipal de María Ramallo non se ten feito nada ao respecto. Desde o BNG propoñemos un Plan de Recuperación de Bens Inmóbeis de Marín para aquelas edificacións que teñan máis de 100 anos, que vai desde a constitución dun Inventario Municipal de Bens Inmóbeis pasando por incentivar con beneficios e mesmo exencións fiscais (IBI e ICIO) para a rehabilitación desta riqueza patrimonial, o mesmo se o uso destas edificacións van dirixidas para a actividades económicas no que actuaremos cunha rebaixa do Imposto de Actividades Económicas (IAE). Este plan ten como obxectivo un aumento na conservación e mellora das fachadas exteriores, así como de accesibilidade de vivendas e edificacións e rehabilitación integral das que estean en mal estado.

Os cartos aportados nos últimos anos á Área de Rehabilitación de Integral de Marín (ARI) foi insuficiente e mal empregados, mais sobre todo pola falla de vontade política e de proxecto municipal por parte de María Ramallo. Desde o BNG queremos potenciar e desenvolver a ARI e dar un pulo revitalizando o Casco Vello para a ocupación efectiva das vivendas, como para a promoción comercial, turística e hostalaría de Marín.

A conservación do Ben Patrimonial é beneficioso para o turismo e para o comercio, para ter unha boa presenza é fundamental un lavado de cara que só se pode facer cun plan destas características. O BNG non descartamos a adquisición dalgúns destes bens non só para protexelos senón para uso municipal.