O goberno local do PP paga sen contrato ás empresas privadas que limpan praias e xardíns

O goberno local do PP paga sen contrato ás empresas privadas que limpan praias e xardíns

O PP paga a empresas privadas sen pasar  concurso  nin contrato

O PP opta por empresas privadas foráneas en lugar de dar oportunidade aos veciños de Marín

Ningunha das empresas privadas que nestes momentos están a realizar tarefas de limpeza en praias e xardíns do concello de Marín, ten asinado un contrato tal e como obriga a lei.

“O goberno local do PP, paga a golpe de factura, na que non se específica o concepto, ás empresas privadas as que decidiu encargar os labores de limpeza de praias e de xardíns do concello, de xeito que descoñecemos o número de persoas que teñen contratadas, as horas que traballan e por suposto as condicións laborais baixo as que fan estas tarefas e se están a cumprir a lei en materia de emprego”, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.

“A lei obriga a levar a cabo un concurso público cando a facturación a unha única empresa excede dunha determinada cantidade, pero o goberno do PP evita este trámite pagando directamente á mesma empresa sen asinar contrato e sen facer concurso”. “Así o PP pretende evitar a fiscalización por parte do Servizo de Intervención, levando a cabo un fraude de lei”.

As actividades nas praias tamén en precario

A alcaldesa foi incapaz de negar a situación irregular dos/das monitores

Especialmente grave é ao caso da empresa Ice Imagination que se encarga das actividades nas praias: “O BNG solicitou ás altas na seguridade social dos monitores que se encargan destas actividades e os contratos de traballo. A realidade é que non existe ningún tipo de contrato, entre o  Concello e a  empresa e no último pleno a alcaldesa foi incapaz de desmentir que os monitores e monitoras traballan por  moitas máis horas de polas que en realidade están contratados, e chegou a afirmar que o Concello non se ten por que preocupar desta situación”, informa Vilaboa Ramos.

Plan emprego

“O PP está a incumprir o Plan de Emprego, proposto polo BNG e aprobado por unanimidade no Pleno, optando por pagar a empresas privadas de fóra de Marín e impedindo a oferta de emprego público para dar oportunidade ás persoas que máis o necesitan, de optar a un traballo, que aínda que temporal, axudaría a aliviar a situación de asfixia económica que están a pasar”, engade o concelleiro nacionalista.

O PP está a incumprir o plan de emprego proposto polo BNG e aprobado por unanimidade

“O BNG aposta porque as tarefas de mantemento de zonas públicas como praias e xardíns e as pequenas obras se leven a cabo a través dunha oferta pública de emprego que se podería repetir varias veces ao ano e que garantiría a as condicións laborais dos e das traballadoras, o que está a suceder agora é escandaloso e esta directamente permitido e promovido pola alcaldesa e todo os seus concelleiros e concelleiras”.

Resultados negativos e queixas veciñais

“Ademais os resultados son totalmente negativos cara ao público e á cidade. As queixas por falta de monitores suficientes nas actividades e por falta de limpeza nas praias son cada vez máis frecuentes, por non falar das prácticas que se utilizan nos xardíns para evitar o traballo manual e que xa foron denunciadas polo BNG, e o abandono de moitos puntos da cidade e todo o rural”, finaliza Vilaboa Ramos

 

Marín, 23 de agosto de 2014