O BNG denuncia o uso de herbicidas perigosos nos paseos públicos de Marín

Biocidas empregados polo Concello
Biocidas empregados polo Concello
O BNG denuncia o uso de herbicidas perigosos nos paseos públicos de Marín

Operarios  fumigando na Avenida de Ourense

A concellaría de Medio Ambiente debería descartar totalmente esta práctica por estar obrigada a dar exemplo de responsabilidade ambiental

O BNG alerta e denuncia as prácticas empregadas pola Concellaría de Medio Ambiente de Marín para eliminar as herbas que medran nos alcorques dos paseos públicos como o da Avenida de Ourense ou as rúas do casco histórico:

“Desde a Concellaría de Medio Ambiente de Marín, estase a permitir e a fomentar a fumigación con herbicidas químicos non selectivos (glifosato) nos paseos públicos, en concreto temos probas desta práctica  na Avenida de Ourense e nas rúas do centro urbano, pero non descartamos que se estea empregando tamén en camiños e zonas públicas das parroquias”, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco.

Perigo para a saúde pública e para o medio ambiente

Os herbicidas son mesturados no propio paseo

“Estas actuacións supoñen un perigo para a saúde pública, xa que pode contaminar o subsolo e os subministros de auga, e mesmo provocar reaccións por contacto físico en sitios moi frecuentados por público en xeral e particularmente por  nenos e nenas”, engade.

“Calquera pode comprobar a través da ficha técnica do produto (Roundup energy) que utiliza o Concello de Marín que, aínda que legal, é biocida e especialmente mortal para as abellas (Apis mellifera), e debería estar totalmente descartado por unha administración pública obrigada a dar exemplo de responsabilidade ambiental”, afirma a portavoz do BNG.

Árbores secas nas rúas e parques

Salgueiros choróns secos no parque de Loira

“De feito xa se produciron danos dos que veñen alertando os veciños do casco vello. En concreto, algúns duás  camelias colocadas na rúa Secundino Lorenzo xa foron retiradas por estar secas e hai máis casos noutras rúas”.

Dende o BNG non  descartan  incluso que a morte de dous grandes salgueiros no parque de Loira, fose ocasionada por esta práctica: “Recentemente foron retirados os dous magníficos exemplares de Salix babylonica do parque de Loira  despois de que o BNG demandara explicacións na comisión informativa de Medio Ambiente sobre o seu estado, pero a  día de hoxe aínda non recibimos ningún tipo de aclaración sobre as causas da súa desaparición. Dende o Concello limitáronse a retiralos e plantar outros”, afirma a concelleira nacionalista.

Matar moscas a canonazos

Biocidas empregados polo Concello

“Esta práctica, ademais de ir en contra de todas as recomendacións dirixidas a protexer o medio ambiente e a saúde das persoas, supón algo así como pretender matar as moscas a canonazos, xa que se está a empregar para eliminar as escasas herbas que medran arredor das árbores dos paseos, cando iso se pode facer manualmente sen causar ningún prexuízo”, indica Pilar Blanco.

Marín, 14 de agosto de 2014