O BNG solicita a creación do Servizo de Normalización Lingüística e a adhesión ao proxecto Apego

undefined

Celia García Santomé, concelleira do BNG, indica que “a situación do galego é alarmante, como así o indica o Instituto Galego de Estatística.

O BNG solicita a creación do Servizo de Normalización Lingüística e a adhesión ao proxecto Apego

O BNG presentou unha moción solicitando a creación do Servizo de Normalización Lingüística no Concello de Marín e a adhesión ao proxecto Apego para impulsar o uso do galego desde a infancia en ámbitos familiares e educativos. A moción destaca a preocupante tendencia de descenso no uso do galego entre a mocidade, tal como indican as enquisas do Instituto Galego de Estatística (IGE), e propón medidas concretas para reverter esta tendencia e garantir a súa transmisión ás futuras xeracións, ao mesmo tempo que se reforza a cohesión comunitaria e cumpre co marco legal vixente sobre a protección e promoción do galego.

Celia García Santomé, concelleira do BNG, manifesta que "a lexislación vixente en Galiza esixe de maneira explícita a protección e promoción do galego, tal como se reflicte na Ordenanza de Normalización Lingüística." O artigo 1.2 desta ordenanza especifica claramente a necesidade de planificar actividades que fomenten o coñecemento e a difusión do galego. O goberno municipal leva incumprindo sistemáticamente esta ordenanza, así como os acordos plenarios solicitando a creación do Servizo de Normalización Lingüística, demanda do BNG dende hai anos.

Por outra banda, segundo indica a concelleira do BNG, para a adhesión ao proxecto Apego é preciso ter creado o Servizo de Normalización Lingüística. Este programa está deseñado para fomentar o uso do galego na crianza dende as primeiras idades, con actividades gratuítas como xogos, contacontos e espectáculos que promoven a socialización do galego. O programa Apego foi implementado con éxito en varios concellos, incluído Pontevedra, onde tivo unha acollida significativa, de 24 inscricións en 2022, pasando a 59 en 2023.

Aínda que a proposta do BNG foi tratada na comisión informativa de cultura, non foi incluída na orde do día do pleno municipal que terá lugar este xoves, 9 de maio. Porén, dende o BNG esperan que a non inclusión deste punto neste mes conforme ao solicitado na comisión informativa correspondente sexa debido a que o grupo de goberno se decidira a tramitar a subvención da Deputación para a creación do Servizo de Normalización Lingüística, o que cubriría ao 100% o gasto de persoal para cubrir a praza correspondente a este servizo. Celia García destaca que, de ser así, "o Concello de Marín cumpriría por fin coa súa propia ordenanza municipal, e a custe cero para as arcas municipais."

O BNG solicita a creación do Servizo de Normalización Lingüística e a adhesión ao proxecto Apego