O BNG presenta as propostas para un Novo Seixo nun ateigado acto
Lucía Santos comprometeuse a construír o campo de fútbol e a adquirir novos terreos para dotar a Seixo dun pavillón de deportes.
Amais manifestou que, entre outros proxectos, “o BNG recuperará espazos naturais e patrimoniais como son o Parque da Brea ou o roteiro da senda do río Loira para a súa posta en valor, ademais de impulsar medidas para a recuperación do Pazo da Brea e a Casa Rectoral do Campo.”
Onte martes o BNG de Marín celebrou un Acto Público, presentado pola veciña de Seixo Lola Rodríguez Martínez, na Casa da Cultura de Seixo. O local quedou moi pequeno para acoller ao preto das 150 persoas que acodiron ao evento, moitas das cales tiveron que seguir as intervencións desde o exterior.
Lucía Santos, candidata á alcaldía, manifesta que “o éxito de asistencia pon de manifesto que a corrente de simpatía cara o BNG é imparábel, e que se plasmará o vindeiro 28 de maio cuns grandísimos resultados para o BNG.”
Santos engade que “a xente percibe que o BNG ten un grandísimo equipo e que presenta unha folla de ruta clara e concreta para facer de Marín un concello de vangarda.”
Durante a súa intervención Lucía Santos afirmou que “no BNG presentamos un proxecto ambicioso e ilusionante para a veciñanza, coa finalidade de construir un Novo Seixo, e facer desta parroquia, o segundo núcleo urbano de Marín, un lugar vivo e con futuro no que todas e todos teñan cabida, mais pensado especialmente para as 1903 veciñas e veciños que residen en Seixo.”
Proseguiu afirmando que “Seixo conta cun gran potencial, grazas ao cal é posíbel reverter a situación actual e encarar un novo futuro para a parroquia dotándoa con servizos públicos de calidade, e protexendo a sanidade pública.”
En canto ás propostas concretas para Seixo, Lucía Santos comprometeuse a construír o campo de fútbol e a adquirir novos terreos para dotar a Seixo dun pavillón de deportes. Amais manifestou que “o BNG recuperará espazos naturais e patrimoniais como son o Parque da Brea ou o roteiro da senda do río Loira para a súa posta en valor, ademais de impulsar medidas para a recuperación do Pazo da Brea e a Casa Rectoral do Campo.”
Pola súa banda Montse Prado, voceira de Sanidade do BNG no Parlamento galego, iniciou a súa intervención parabenizando á veciñanza de Seixo pola súa valente loita en defensa da sanidade pública, e lembrando que “a política do PP ven consistindo no desmantelamento dos servizos públicos, nomeadamente a sanidade pública, para beneficiar o sector privado.”
Prado falou tamén do modelo BNG, un modelo contrastado e de éxito de xestión municipal, como así se pode comprobar nos diferentes concellos gobernados polo BNG, e destacou os exemplos de Pontevedra e Allariz, sen esquecer outros moitos.
Animou a votar ao BNG en Marín porque “o voto ao BNG que lidera Lucía Santos é un voto para que Marín inicie un tempo novo, para facer fronte ao espolio do país e para reforzar o proxecto do BNG de cara a acadar que o vindeiro ano Galiza teña a primeira presidenta da historia, Ana Pontón.”
O candidato José Souto afirmou que “sabemos de onde vimos e a onde vamos, respectando a nosa identidade da terra como un sentimento que move montañas, respectando a nosa historia, o noso ADN, respectando os nosos ancestros que fixeron e traballaron tanto por Marín.”
Souto manifestou que “o BNG traballará para 24.034 veciños e veciñas” e proseguiu afirmando que “dende o BNG vamos dar o máximo para axudar ás empresas de Marín, sobre todo pemes e autónomos que son a maioría do tecido empresarial que temos na nosa vila, e máis axuda necesitan.” E engadiu que “potenciaremos aos novos emprendedores e ao comercio”.
Celia García lembrou “o dereito a ter unha sanidade digna, universal e eficiente para todas fronte aos recortes nos que está sumida a cidadanía marinense por parte do PP, especialmente no lugar onde hoxe comezamos a nosa andaina, aquí en Seixo, porque Seixo merece unha sanidade cuberta, consolidar o médico de familia e a creación de posto de pediatría.”
García dixo de Lucía Santos que é “unha muller que vai por en valor as nosas virtudes e potenciar aquelas que están abandonadas polo goberno local, que non deixará atrás os servizos sociais básicos, a sanidade, a educación e fomentar o noso patrimonio grazas ás 264 medidas que a respaldan.”
Tanto Lucía Santos, como Celia García e José Souto fixeron un chamamento a votar polo BNG o vindeiro 28 de maio, como único xeito de mudar o rumbo do noso concello e colocalo na vangarda dos concellos galegos.